Sarah, Patricia, Sasha e Stefan son 4 rapazas e rapaces alemáns que chegaron este sábado 17 de novembro a Burela co próposito de realizar as súas prácticas en empresas da localidade no sector da informática (APP), electrónica (TECNAV), deseño gráfico (ARFE) e hostelería (KIKO). O martes empezarán a súa formación nas empresas colaboradoras ata o 13 de decembro coa ilusión de aprender e abrir horizontes profesionais.
Karina Parga, Vicedirectora do IES Perdouro e encargada do Proxectos Europeos, explica que se trata dun proxecto piloto alemán cuxa finalidade é incrementar as oportunidades de estudos da xuventude. Este proxecto transnacional está respaldado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña e polo Fondo Social Europeo. A Vicedirectora sinala que xa leva 3 anos traballando co Centro de Capacitación Profesional Berufsbildungszentrum (BBZ) de Augsburgo, Alemaña e que acaban de asinar o mes pasado unha prórroga dun ano máis. O convenio entre o IES Perdouro e a BBZ enmárcase no proxecto IdA EXPLORER! para fomentar o intercambio transnacional en Europa, reivindicando a importancia de coñecer outras realidades para desenvolver competencias e habilidades que faciliten unha integración cualificada e duradeira no mercado de traballo. O IES Perdouro forma parte deste proxecto xunto a 5 entidades sociais de Italia, Austria, Hungría, Polonia e Alemaña.