Site icon Crónica3.com A Mariña

Por favor, un respecto

POR FAVOR: UN RESPECTO

Esgotada a capacidade de asombro ante as cousas dos políticos que merodean por aquí, a sociedade non asimila que os mesmos, veciños e máis ou menos amigos, se apresten a representar o papel da incoherencia e o dislate que teñen por destinatarias esas mesmas persoas. As constantes contradicións; os súpetos cambios de opinión; a permanente avenencia a intereses alleos ós da cidadanía, que din defender; os que se deitan cuns e se erguen con outros, nunha práctica de detestable promiscuidade, etc. dá lugar a tal confusión que produce a sensación de vivir nun país que nada ten que ver co que os dirixentes, aínda estes de tan baixos niveis, se empeñan en pintarnos. A demagoxia e a falsidade dos argumentos, esgrimidos para xustificar comportamentos opostos a toda ética, que agreden a suposta dignidade persoal dos actores, non é o mellor camiño para gañar o prestixio e a credibilidade da veciñanza; a astucia e falta de consideración ás persoas revelan a falta de personalidade e de respecto ós veciños, como alguén dignamente apuntou; actitude que aldraxa a representación que ostentan ou que pretenden ostentar. Hai moito tempo que os focegos padecemos tan noxenta forma de facer política; un xeito que á volta dos anos adquiriu carta de natureza e fainos aparecer nos distintos foros como líderes da camándula. O vello amigo Javier Rivera, bo coñecedor do terreo e do percal, publicou recentemente senllos comentarios que titulou: “Foz, el sueño roto de la Marbella del norte” e “Como siempre en Hollyfoz”, que reflicten de xeito ponderado e cabal tanta bazofia : a historia (triste) das secuelas urbanísticas e, polo tanto, sociais, xeneradas en tempos que a caixa do concello rebosaba, e tamén a situación política actual, vergoñenta para aqueles que pensan en liberdade. Que os políticos locais non senten a Foz (por moito que demagóxicamente digan o contrario) déixano ver nas actitudes ofensivas, vexatorias, para vergoña de propios e achegados. Ogallá os políticos, actuais e futuros, gobernantes ou non, sexan quen de respectar o pobo e os sentimentos das xentes. Dos precedentes coñecemos a historia…

Suso Fernández

Exit mobile version