O BNG DA MARIÑA PARTICIPOU NA CONCENTRACIÓN CELEBRADA EN BURELA EN CONTRA DOS RECORTES DO PARTIDO POPULAR
Antonio Veiga insiste na importancia de seguir dando unha resposta unánime ás políticas antisociais dos gobernos central e galego
Para Veiga “os recortes en educación, sanidade e dependencia, as baixadas salariais, a suba de impostos e taxas, e a privatización de servizos, evidencian a faceta máis reaccionaria do Partido Popular cuxo obxectivo é lograr uns obxectivos selectivos pensados para os colectivos con máis recursos económicos. Se Rajoy e Feijóo teiman en apostar pola consecución do déficit cero e en aplicar este tipo de medidas para logralo, a economía entrará nunha espiral de decrecemento da que custará décadas saír”.
Dende a formación nacionalista insístese na importancia de que a sociedade continúe dando unha resposta unánime ás políticas antisociais que crean máis paro e pobreza e siga mobilizándose. “O Partido Popular vive alleo á realidade, desoe as demandas dos cidadáns e négase a apoiar iniciativas lexislativas populares; o único que nos queda é seguir saíndo á rúa para protestar” – sentenciou o responsábel comarcal.