Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Facenda e Xuventude de Cervo renuncia por motivos laborais, como fixera a de Igualdade en xuño

Tania González renuncia á súa acta de concelleira por motivos laborais

-A edil recoñeceu que marchar do goberno e da corporación foi unha decisión moi difícil que tivo que tomar “por responsabilidade”

-O rexedor manifestou o seu respecto pola opción de González e destacou o seu valor e a súa determinación

Cervo, 3 de decembro de 2012-O pleno da corporación que se celebrará este mércores (19:00 horas) tomará coñecemento da renuncia de Tania González ás súas competencias de goberno e á súa acta de concelleira. A edil, que ata o de agora ocupaba as áreas de Facenda e Xuventude, explicou que a súa marcha débese á “dificultade para compatibilizar as tarefas de goberno co meu traballo na empresa privada”, aínda que recoñeceu que a decisión tomada “foi moi difícil, estivo moi sopesada e baseada na responsabilidade”. González asegurou que lamenta “ter que deixar a corporación e o goberno, unha experiencia que lembrarei sempre como unha etapa construtiva e frutífera e onde agardo seguir tendo bos amigos”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares asegurou aceptar a renuncia: “Respecto a decisión da miña compañeira xa que os seus motivos laborais son máis que comprensibles”. O rexedor tamén manifestou o seu desexo de que “ese respecto e esa comprensión que mantemos todo o grupo de goberno se faga extensible a toda a corporación, que ben seguro entenderá os motivos de Tania para abandonar o seu posto”.

Villares tamén quixo facer público o seu “agradecemento á edil polo seu traballo como concelleira e a súa boa disposición e dilixencia ao fronte da súa delegación” ao mesmo tempo que destacou o seu “valor e forza para tomar unha decisión tan relevante para o seu futuro profesional, que agardo sexa moi produtivo”.

Agora, o posto deixado por Tania González será ocupado pola seguinte persoa da candidatura, neste caso Luis Antonio Guillén Menéndez. Unha vez que o pleno tome coñecemento desta renuncia, o Concello enviará certificación do acordo á Xunta Electoral incluíndo o nome do seguinte candidato ao que lle corresponde cubrir o posto. Despois, a mesma Xunta Electoral expedirá a credencial do novo edil, unha notificación da que se dará conta de novo nun pleno no que Guillén tamén poderá tomar posesión da súa acta de concelleiro.

Exit mobile version