Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación amplía ate o 17 o prazo para que os concellos comuniquen a súa disposición a cofinanciar a teleasistencia domiciliaria

VICEPRESIDENCIA AMPLIA ATÉ O LUNS O PRAZO PARA QUE OS CONCELLOS COMUNIQUEN A SÚA DISPOSICIÓN A COFINANCIAR A TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

Concellos de todas as cores políticas xa remitiron asinado o protocolo de adhesión proposto para garantir a continuidade do servizo

Mario Outeiro convida ao resto de alcaldes a sumarse a esta medida e evitar que o 1 de xaneiro centos de lucenses queden desatendidos

“A Deputación e os concellos están asumindo a financiación de servizos sociais que o Goberno do Estado e a Xunta se negan a cofinanciar”

Lugo, 14 de decembro de 2012. A Vicepresidencia da Deputación decidiu ampliar até o vindeiro luns, 17 de decembro, o prazo para que os concellos da provincia comuniquen a súa disposición a cofinanciar ao 50 por cento o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria. Así o anunciou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o portavoz nacionalista e delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, quen tamén explicou que concellos de todas as cores políticas xa remitiron asinado o protocolo de adhesión para o desenvolvemento dun programa de Teleasistencia Domiciliaria.

O motivo polo que se decidiu ampliar o prazo de presentación responde á petición de varios concellos que alegaron motivos administrativos para remitir o documento. Segundo os datos que se manexan, o número de concellos que aceptarán aportar o 50 por cento do custe da Teleasistencia Domiciliaria será elevado.

O portavoz nacionalista invitou aos alcaldes a que acepten a solución proposta pola Vicepresidencia da institución provincial e advertiu que “o contrario sería unha irresponsabilidade xa que os usuarios e usuarias dos concellos que decidan non sumarse ao cofinanciamento, o vindeiro 1 de xaneiro quedarán desatendidos con todas as nefastas consecuencias que iso supón. Somos conscientes do esforzo económico que deben facer os concellos e que tamén asume a Vicepresidencia, que incrementa nun 15 por cento a porcentaxe de cofinanciamento, pasando de aportar o 35 ao 50 por cento, pero que consideramos imprescindíbel para garantir o benestar dun colectivo vulnerábel”.

“Unha vez máis –continuou Outeiro- a Vicepresidencia da Deputación e os concellos asumen a prestación de servizos sociais que tanto o Goberno do Estado como a Xunta de Galiza se negan a prestar; primeiro foi o Executivo galego que deixou sen Servizo de Axuda no Fogar básico aos concellos de menos de 20.000 habitantes, e agora é o Goberno central o que eliminou dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 a partida grazas á que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través do IMSERSO, aportaba o 65 por cento do custo da Teleasistencia Domiciliaria. De novo queda en evidencia como o Partido Popular crea problemas e pon en risco de exclusión a centos de lucenses, mentres a Deputación trata de evitalo ofrecendo alternativas e facendo un esforzo económico para garantir a prestación dos servizos sociais”.

Exit mobile version