Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación confirma que cofinanciará ao 50% a teleasistencia domiciliaria e urxe ao concellos a garantir o servizo

VEIGA CONFIRMA QUE A DEPUTACIÓN COFINANCIARÁ O 50% DA TELEASISTENCIA DOMICILIARIA E URXE AOS CONCELLOS A QUE GARANTAN A CONTINUIDADE DO SERVIZO

Vicepresidencia remitirá ao longo desta mañá a todos os concellos o protocolo de adhesión polo que se garante a continuidade do servizo

O vicepresidente recoñece o esforzo que supón para os concellos, tamén para a Deputación que incrementará a súa aportación nun 15%, e lamenta a premura coa que é preciso adoptar a decisión

Veiga recorda ao PP que quen creou e politizou este problema foi o Goberno do Estado e o seu afán de recortar en políticas sociais

Lugo, 12 de decembro de 2012. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo remitirá, ao longo desta mañá, a todos os concellos da provincia, o protocolo de adhesión para o desenvolvemento dun programa de Teleasistencia Domiciliaria, para que poidan analizalo e determinar se están dispostos ou non a garantir a continuidade de dito servizo aportando o 50 por cento do seu custe.

Así o vén de anunciar o vicepresidente da institución provincial e delegado de Benestar Social, Antonio Veiga, quen, xunto con Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo, mantivo, onte, un encontro con representantes dos rexedores municipais no que expuxo a posibilidade de cofinanciar ao 50 por cento a Teleasistencia Domiciliaria para evitar que o vindeiro 1 de xaneiro os usuarios e usuarias do mesmo queden sen atención tras a decisión do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de eliminar a partida orzamentaria que, a través do IMSERSO, se destinaba a cofinanciar o 65 por cento do servizo.

A Vicepresidencia da Deputación vese na obriga de presentar esta medida ante o desmantelamento da Teleasistencia Domiciliaria por parte do Goberno do Estado pero tamén ante falla de resposta da Xunta de Galiza despois de que lle fora trasladado o acordo plenario do ente provincial polo que se lle instaba a asumir a porcentaxe que o Ministerio se nega a seguir aportando.

Antonio Veiga recoñece “o esforzo que para os concellos supón asumir este custe” pero insiste en que “é o único xeito de que os máis de 1.500 usuarios e usuarias da provincia poidan seguir recibindo o servizo de Teleasistencia Domiciliaria, cuxos beneficios están recoñecidos, e sen o que quedarían totalmente desprotexidos ao non poder ser atendidos baixo a Lei da Dependencia ou a Teledependencia da Xunta.”

“Lamentamos – continúa o vicepresidente -a premura coa que os alcaldes deben tomar a decisión pero até finais de novembro o Ministerio non fixo pública a súa decisión de non seguir cofinanciando a Teleasistencia Domiciliaria.” Neste senso, Veiga recordou aos rexedores que deben pronunciarse como moi tarde este venres.

Con respecto ao comunicado do Partido Popular no que lamenta a falla de asistencia á xuntanza porque “cando convoca o bipartito non é para solventar un problema, senón para facer política”, Antonio Veiga recorda aos populares que “estamos ante esta situación grazas á política fortemente ideoloxizada do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza, cuxo único afán e lograr o déficit cero recortando en políticas sociais, e que deixaron en risco de exclusión a centos de maiores. Os executivos de Rajoy e Feijóo crean problemas e a Deputación de Lugo trata de resolvelos, como xa aconteceu co servizo de Axuda no Fogar básico.”

Exit mobile version