Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación e o Concello de Ribadeo colaboran na promoción turística do municipio con mesas microsectoriais

VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN E CONCELLO DE RIBADEO COLABORAN NA PROMOCIÓN TURÍSTICA DO MUNICIPIO A TRAVÉS DE MESAS MICROSECTORIAIS

Veiga pide a representantes do sector do ocio, restauradores, comerciantes e hoteleiros que se sumen a este proxecto para facer unha diagnose da situación actual e formular propostas innovadoras e atractivas

Favorecer o desenvolvemento económico do territorio dende espazos de reflexión colectiva, é un dos obxectivos desta iniciativa

Ribadeo, 28 de decembro de 2012. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar, na xuntanza desta mañá, o apoio financeiro da institución ao proxecto “Mesas microsectoriais e desenvolvemento turístico do concello de Ribadeo” co que a área de Turismo do ente provincial e o concello de Ribadeo pretenden lograr a reactivación turística do municipio.

Este proxecto supón a posta en marcha dun novo método de traballo que involucra a todos os actores e axentes implicados no eido do turismo co obxectivo último de acadar solucións innovadoras coas que aproveitar todas as potencialidades de Ribadeo e poder crear atractivos paquetes turísticos que reactiven non só a economía do municipio senón tamén a de toda a comarca da Mariña.

Segundo explicou o vicepresidente da Deputación lucense, Antonio Veiga, “para conseguir este obxectivo é preciso facer unha diagnose acertada da situación actual, a cal está previsto levar a cabo a través da convocatoria de catro mesas microsectoriais: unha dedicada ao sector do ocio na que participarán todas as empresas da zona, outra do sector hoteleiro, que aglutine aos representantes do subsector, unha terceira microsectorial de restauración, e unha cuarta de comercio, que xa está creada pero que participará activamente no proxecto. En cada unha delas, nun primeiro momento farase unha diagnose detallada do momento actual polo que atravesan os catro subsectores e, posteriormente, formularanse propostas a partir das que se deseñarán paquetes baseados en elementos locais cos que promover accións conxuntas con fins colectivos”.

Como arranque, o concello de Ribadeo proporá medidas como os bonos gastronómicos para ofertar escapadas gourmet, paquetes turísticos compostos por bonos rurais e turismo ornitolóxico, e o Menú da Ría de Ribadeo. Pola súa banda, a Vicepresidencia da Deputación aportará 20.000 euros para a posta en marcha desta iniciativa que, segundo o vicepresidente da institución, “supón a aplicación dun novo modelo de traballo que permitirá superar enfoques tradicionais con esquemas descendentes e crear espazos de reflexión colectiva sobre o desenvolvemento económico do territorio”.

Exit mobile version