A DEPUTACIÓN SOLICITA AO GOBERNO DO ESTADO E Á XUNTA UNHA SOLUCIÓN PARA OS AFECTADOS POLAS PREFERENTES E OS DESAFIUZAMENTOS
“É necesaria unha ferramenta que vehiculice o aforro dos galegos para poñer en marcha os sectores produtivos do país e dar crédito aos emprendedores e ás familias”
“Esiximos que as vivendas das entidades de crédito que pasen a titularidade do SAREB se convertan en vivendas de promoción pública en réxime de aluguer”
“É unha auténtica vergoña que o Partido Popular vote en contra de devolverlle o diñeiro aos estafados polas participacións preferentes e polo capital subordinado cando son miles as familias das comarcas de Lugo que se atopan nesta situación. Fica claro que o PP está do lado da Banca e daqueles que se están beneficiando coa crise a conta da maioría da poboación. Éncheselles a boca de falar de xente que vivía por riba das súas posibilidades, que non será o caso destes aforradores aos que o Partido Popular lles dá agora de lado”, explicou Mario Outeiro, portavoz do BNG na institución provincial.
O proceso de reestruturación do sistema financeiro do Estado Español, aprobado polo Goberno atendendo as recomendacións da Comisión Europea e do Fondo Monetario Internacional, realizouse coa vontade de socializar entre a poboación as perdas de caixas e bancos, concentrar o poder económico en mans das fraccións oligárquicas dominantes e centralizar o control do capital diñeiro nos polos territoriais máis desenvoltos do Estado Español. Neste senso, Outeiro insistiu en que “unha nova política para o sector financieiro faise necesaria, isto é unha política que garanta os dereitos das clases populares e que faga xustiza cos responsábeis da desfeita”.
“Dende o Grupo Provincial do BNG demandamos do Goberno do Estado que garanta a continuidade de Nova Galiza Banco como entidade de crédito de carácter público e instámolo a que arbitre os mecanismos legais necesarios para devolverlle a todos os aforradores o diñeiro depositado nas entidades de crédito baixo a fórmula de preferentes ou capital subordinado, ao mesmo tempo que esiximos á Xunta a que recorra xudicialmente a proposta de quita que para estes produtos financieiros propón o Ministro de Economía e a Comisión Europea”.
“Os galegos- continuou Outeiro- queremos unha ferramenta que vehiculice o noso aforro para poñer en marcha os sectores produtivos do país e dar crédito aos emprendedores e as familias. Aínda é posíbel facelo a través dunha Novagalizabanco que aglutina o 40% do aforro dos galegos e que é de titularidade pública. Cremos definitivamente unha banca pública galega que non especule, que garanta o acceso ao crédito, que impida que case 2500 traballadores pasen a engrosar as fileiras do paro e que centos de oficinas bancarias teñan que pechar deixando a boa parte do noso rural sen un servizo básico”.
Asemade, os nacionalistas solicitan do Goberno do Estado que paralice os desafiuzamentos que están a deixar sen vivenda a milleiros de cidadáns e que se modifique a lexislación hipotecaria establecendo a dación en pago ao mesmo tempo que esixen ao Ministerio de Economía que as vivendas das entidades de crédito que pasen a titularidade do SAREB sexan transferidas ás Comunidades Autónomas para a súa conversión en vivendas de promoción pública en réxime de aluguer.
Neste senso, Mario Outeiro manifestou que “resulta escandaloso que o Goberno do Estado destine 500 millóns de euros para que o SAREB proceda a volar edificacións levantadas cando a día de hoxe son moitos os cidadáns que non só non poden acceder a unha vivenda, senón que están a ser expulsados da súa propia”.
“O goberno do PP pecha os ollos para non ver como co diñeiro dos cidadáns é expropiado para paliar os números vermellos das entidades bancarias. As mesmas entidades que despois de taxar unha vivenda previa concesión de hipoteca son capaces de quedarse coa mesma pola metade do seu valor, reclamándolles aos usuarios a diferenza. Son os ladróns do século XXI, persoas ben valoradas socialmente que rouban con luva branca coa seguridade de que a lexislación e a dereita política os respaldan”, concluíu o delegado provincial.