Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación tramitou máis de 100 obras nos Concellos nun tempo récord de dous meses

A Deputación tramitou máis de 100 obras nos Concellos nun tempo récord de dous meses

– Son 110 melloras de prestacións públicas nas zonas rurais de municipios de todas as cores políticas, executadas co Plan de Comunidades Veciñais e financiadas pola institución

– O organismo acondicionará as rúas Rosalía de Castro e Parque, na Fonsagrada, con obras de 93.000 euros, que complementan os traballos de construción do novo Consistorio

– A Xunta de Goberno inicia a contratación da vixilancia das dependencias provinciais, cun aforro inicial dun 20%, que se suma a redución de custes correntes do servizo de limpeza

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que a Deputación tramitou o 50% das obras do Plan de Comunidades Veciñais para 2012 nun tempo récord de tan só 2 meses. Son 110 actuacións municipais, que consistiron, principalmente, en melloras de traídas de auga, acondicionamentos de accesos rurais ou arranxos de dotacións públicas. Trátanse de traballos executados en Concellos lugueses de todas as cores políticas, financiados ó 100% pola institución mediante dito proxecto, que foi aprobado en outubro, cun orzamento de 2 millóns de euros para un total de 233 obras.

Precisamente, a Xunta de Goberno deste venres aprobou as contas xustificativas doutras 14 obras deste Plan, levadas a cabo en Becerreá, Begonte, Cospeito, Foz, Monterroso, Ourol, Sarria e O Valadouro. A Deputación achegou a estas actuacións 105.000 euros. Martínez salientou que “a diferencia do que ocorre hoxe con este Goberno Provincial, o Partido Popular deixou sen tramitar obras de ata o ano 2003, bloqueando a execución de melloras nas prestacións públicas dos veciños do rural lugués”.

A institución provincial tamén mellorará as prestacións públicas nas rúas Rosalía de Castro e Parque, no Concello da Fonsagrada. A sesión acordou achegar ó municipio fonsagradino 93.000 euros para a realización destes traballos, que complementan, explicou o voceiro, as obras de construción do novo Consistorio, que tamén financia na súa totalidade a Deputación, con 850.000 euros.

Aforro de custes correntes

A Xunta de Goberno aprobou iniciar os procesos de contratación dos servizos de vixilancia do Pazo de San Marcos, o Pazo de Deportes, a Rede Museística e o Fogar de Santa María, rebaixando o prezo destas prestacións nun 20%. Neste senso, a sesión tamén aprobou non facer unha nova contratación para a limpeza do Museo de San Paio de Narla, Museo de Tor e o Fogar de Santa María, aforrando 30.000 euros, porque a Deputación está a tramitar a adxudicación deste servizo de xeito conxunto, é dicir, para todas as dependencias provinciais, reducindo custes correntes.

Por outra banda, o organismo provincial aprobou conceder unha subvención de 30.000 euros co fin de colaborar co desenvolvemento das actividades que promove na provincia a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

Exit mobile version