A organización deste certame, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación, pretende fomentar as inquedanzas culturais e a creatividade do estudantado da comarca
Unha escolla dos traballos presentados a concurso, está exposta, dende hoxe e durante todo o mes de xaneiro, na Casa da Cultura de Burela
Burela, 28 de decembro de 2012. A Casa da Cultura de Burela acolle, dende hoxe e durante todo o mes de xaneiro, unha exposición na que se recolle un conxunto de traballos seleccionados de entre os presentados no concurso final convocado no marco do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2012, organizado pola Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
O vicepresidente do ente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de entregar os premios deste concurso no que se contemplan dúas categorías: fotografía e vídeo, ámbalas dúas con A Mariña como temática, e congratulou a todos os participantes no concurso, resaltando “a alta calidade dos traballos presentados”.
Este festival, que combinou obradoiros de fotografía e vídeo, impartidos pola produtora A Caixa Escura e co fotógrafo focego Xulio Villarino como colaborador, supuxo unha nova tentativa por captar a atención da xuventude da comarca e remover as súas inquedanzas culturais e a súa creatividade. Nesta edición, participaron alumnos de catro centros de ensino secundario da comarca: IES Monte Castelo, de Burela; IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo; e o IES Vilar Ponte, de Viveiro.
Neste senso, o vicepresidente da Deputación explicou que “a posta en marcha de iniciativas como esta permite ás mariñás e aos mariñáns introducirse no ámbito audiovisual e ofrécelles a oportunidade de expresar o que senten pola súa terra a través das novas tecnoloxías”.