Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga recibe na Deputación aos atletas mariñáns Cristóbal e Yolanda Rodríguez Fidalgo

Lugo, 28 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, recibiu, na tarde de hoxe, no seu despacho, aos deportistas mariñáns o pentatleta Cristóbal Rodríguez Fidalgo e a biatleta Yolanda Rodríguez Fidalgo.

Cristóbal Rodríguez, nacido en Viveiro, empezou a súa carreira como pentatleta con 14 anos alcanzando a primeira posición no campionato de España o ano do seu debut. Este viveirense comezou así a medrar na súa carreira como pentatleta ata que en 2010 conseguiu unha praza na Selección Estatal Sénior, converténdose, só un ano despois, no número 1 do Ránking Estatal Sénior coa vitoria no Campionato de España desa categoría.

A nivel nacional Cristóbal Rodríguez proclamouse Campión en distintas categorías de idade ata converterse no Campión Galego Absoluto nos tres últimos anos. A isto hai que sumarlle logros a nivel internacional como o de Campión de Europa de Biatlón por equipos no ano 2006, así como diferentes recoñecementos como o récord estatal en relevo mixto, récord astur-galaico absoluto e récord do Cantábrico absoluto.

Pola súa banda, a súa irmá, a multideportista Yolanda Rodríguez, nadadora do Xove, de tan so 12 anos, este ano conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España de Biatlón, co que puxo broche final a unha tempada que se caracterizou pola súa grande actuación no sector da natación, onde obtivo o mellor parcial da competición. Ademais, Yolanda fíxoe, na modalidade de equipos, cos Campionatos Galegos de Duatlón, Biatlón e Triatlón.

O vicepresidente da Deputación congratulou a ambos atletas “polos éxitos acadados na súa incipiente pero próspera carreira deportiva” e animounos a seguir acumulando logros no eido do atletismo.

Neste senso, Antonio Veiga explicou que “dende a Área de Deporte da Deputación apostamos polo deporte de Base, e o éxito que están alcanzando estes dous atletas mariñáns é un bo exemplo de que cunha formación deportiva dende idades temperás é posíbel chegar ao máis alto, á elite de calquera modalidade deportiva”.

Exit mobile version