Site icon Crónica3.com A Mariña

As xornadas de historia local do CC Ollomao conclúen a necesidade dunha intervención para a recuperación do río Masma

AS XORNADAS SOBRE O MASMA ORGANIZADAS POR OLLOMAO CONCLÚEN A NECESIDADE DUNHA INTERVENCIÓN PARA A RECUPERACIÓN DO RÍO.

Desde o colectivo plantexan a posibilidade de iniciar un proxecto social, implicando a todos os actores sociais, públicos e económicos para este fin.

Barreiros, 29 de decembro de 2012. As xornadas de historia local organizadas polo Colectivo Cultural Ollomao na tarde de hoxe obtiveron un importante éxito de asistencia e unha abundante participación social. O público abarrotaba as recen recuperadas escolas de Celeiro de Mariñaos e escoitou con atención as explicacións do catedrático da Universidade da Coruña, Manuel Soto Castiñeira que insistiu na idea de que “o cambio climático agravará a deterioración dos ríos e o problema da auga aumentando a incidencia de enchentas e outros problemas como a contaminación e a perda da calidade da auga. A directiva marco da auga (pendente de aplicación) ten realmente solucións para mellorar neste sentido, pero a administración galega non está cumprindo os obxectivos e os prazos nesta dirección.” En concreto, Manuel Soto insistiu en que “especialmente o modelo de saneamento estase mostrando insustentable, tanto economicamente inviable como insuficiente, e é preciso adoptar tecnoloxías ou alternativas de educación natural e de baixo custo; sobre todo en áreas coma esta comarca de pequenas vilas e poboación dispersa.” Neste sentido, o catedrático da Universidade da Coruña, cre que “é hora de facer un saneamento e unha depuración ecolóxicas.”

A continuación o Alcalde de Allariz, Francisco García, amosou como un río pode converterse no motor turístico, pero tamén económico, dun concello; tal e como aconteceu en Allariz co río Arnoia. “Porque a tradición e o mantemento do patrimonio non está reñido co desenvolvemento, senón ao contrario”, explicou. “Do que se trata é de aproveitar o río e todo o patrimonio arredor do mesmo.” Francisco García tamén quixo incidir en que “desde Allariz non pretendemos exportar o modelo, senón a filosofía de aproveitar os recursos que se teñen.”

A mesa redonda composta por Javier Fraga, Audítor Rodríguez, Francisco Salvatierra e Jesús Fernández foi a parte máis animada e con máis participación das e dos presentes. Nela percorreron a historia do Masma, salpicada de recordos e anécdotas que xurdiron aínda con máis forza coa axuda das fotos que decoraban os muros da antiga escola e da proxección do vídeo Riquezas lucenses, no que se pode ver algunha das actividades que se desenvolvían no Masma, onde aínda se podían recoñecer algúns dos presentes.

Ao remate, as conclusións foron claras: “é preciso actuar sobre o Masma para lograr que sexa o que nunca debeu deixar de ser. É preciso que se converta, outra vez, no río de Barreiros, no río do que todas e todos os veciños se sintan orgullosos e coiden del”, sinalan desde Ollomao. Nese sentido, a Presidenta do colectivo, Tamara Rubiños Varela, anunciou que se comprometen a “que estas xornadas sexan o primeiro paso e a primeira pedra para que o Masma recupere o seu esplendor. Por iso, nas vindeiras semanas convocarán a unha primeira xuntanza de traballo a todos os sectores implicados: asociacións de veciños, de pescadores, ecoloxistas, concellos e outras institución; para tratar de pór en marcha un proxecto ambicioso, pero sen dúbida, un dos máis importantes que se poidan levar a cabo e que máis relevancia pode ter nos concellos ribeireños.”

Exit mobile version