Site icon Crónica3.com A Mariña

Campaña de recollida de xoguetes en Ribadeo para “darlle a volta ao Nadal”

A CONCELLARÍA DE SERVIZOS SOCIAIS PON DE NOVO EN MARCHA A CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE XOGUETES DALLE VOLTA AO NADAL, PORQUE XOGAR É UN DEREITO E NON UN PRIVILEXIO. TERESA GONZÁLEZ ASEGURA QUE “O QUE PRETENDEMOS É INCULCAR NOS NENOS E NENAS OS VALORES DA SOLIDARIDADE E DA RECICLAXE”.

Ribadeo, 3 de decembro de 2012. A Concellaría de Servizos Sociais de Ribadeo pon de novo en marcha a campaña de recollida de xoguetes Dalle volta ao nadal, porque xogar é un dereito e non un privilexio. Teresa González Piñeiroa dixo que “o que pretendemos é inculcar nos nenos e nenas os valores da solidaridade e da reciclaxe”. Os xoguetes poderánse deixar nos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, no Centro Integrado Porta da Auga, no IES Ribadeo e tamén no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadeo ata o vindeiro 14 de decembro. Os xoguetes recollidos repartiránse entre familias de Ribadeo con escasos recursos económicos.

A edil nacionalista sinalou que “haberá varios puntos de recollida dos xoguetes. Poderánse depositar do 3 ao 14 de decembro nos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, no Centro Integrado Porta da Auga, no IES Ribadeo e tamén no propio departamento de Servizos Sociais. Despois faráse unha catalogación e selección dos mesmos e procederáse a chamar ás familias que temos na base de datos do Concello, e poderán acudir a seleccionar os xoguetes, envólvense e saen de alí como si dunha tenda se tratase”.

González Piñeiroa explicou que “recolleremos agasallos dos 0 aos 16 anos e pretendemos tamén que os xoguetes cheguen a nós en bó estado. Así queremos concienciar aos nenos de que os entreguen ben, tal e como a eles lles gostaría recibilos. Queremos potenciar os valores da solidaridade e a reciclaxe entre as nenas e os nenos de Ribadeo”.

Desde a Concellaría de Servizos Sociais fan unha chamada “a todas aquelas familias que por calquera motivo non estean na nosa base de datos e desexen facer un regalo e non teñan posibilidades económicas que se acheguen polos servizos sociais e serán atendidos con moito gusto”.

Exit mobile version