O BNG CHAMA AOS MARIÑÁNS A QUE SIGUAN DICINDO NON AO ESPOLIO DO AFORRO GALEGO
Veiga pide a Feijóo que recoñeza que mentiu a todos os galegos ao asegurar que NCG Banco non sería liquidada tras o 21-O
“Bancos e banqueiros son rescatados a costa do desmantelamento da sanidade e a educación públicas e da Dependencia”
“Galiza –afirma Veiga- perderá o instrumento financeiro que logrou co aforro esforzado de xeracións de galegos e galegas e que agora, a consecuencia da nula xestión dos gobernos central e autonómico, está a piques de desaparecer ao ser vendido a custe case cero a un banco privado sen arraigo na nosa terra.”
Para os nacionalistas “a banca española é rescatada a costa dos recortes sociais en servizos públicos básicos como a sanidade, a educación ou a dependencia. Situación que se agrava despois de coñecer como a pesar de ser rescatada con diñeiro público, néganse a devolver o diñeiro que estafou aos aforradores galegos coas participación preferentes e dificulta o acceso ao crédito ás medianas e pequenas empresas e ás familias.”
“Mentres milleiros de familias son desafiuzadas, teñen a todos os seus membros en paro e viven da beneficencia, os directivos das entidades financeiras continúan a cobrar indemnizacións millonarias por levarnos á bancarrota” – sentencia o responsábel comarcal.
Para Antonio Veiga “o que está a suceder con NCG Banco é unha mostra máis da inmoralidade do Partido Popular cuxo líder en Galiza e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou en repetidas ocasións, que NCG non sería liquidada tras os comicios do 21-O. Unha vez máis queda en evidencia a súa capacidade para mentir a todos os galegos e galegas.”
Dende o BNG da Mariña chaman a todos os veciños e veciñas da comarca a que continúen dicindo non ao espolio do aforro galego e reclamando que os buratos da banca os paguen os banqueiros e non o pobo.