Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo oferta maxia, teatro e música para a fin de semana

O Mago Teto, música e a festa de Nadal do PAI encherán de actividade esta fin de semana

-A oferta inclúe actividades para todas as idades así como outras máis específicas para público infantil ou adulto

Cervo, 20 de decembro de 2012-Cativos e adultos disporán esta fin de semana de varias opcións de lecer incluídas nas actividades de Nadal. Música, teatro, maxia e unha festa infantil completarán o programa previsto de venres a domingo.

O venres (17:00 horas, Casa da Cultura) desenvolverase a primeira actividade, o Peque Nadal. Trátase dunha festa organizada polo PAI de Cervo onde o alumnado se disfrazará de boneco de neve e ofrecerá un playback no que bailarán e representarán unha panxoliña. Ao mesmo tempo, proxectaranse as fotografías tomadas durante os ensaios da actuación e durante a colocación da árbore e dos adornos de Nadal. A sorpresa para os cativos será a chegada de Papá Noel, que lles ofrecerá agasallos. Durante a festa non faltarán os turróns e demais doces típicos destas datas.

O sábado pola mañá, a partir das 12:00 horas, será o momento dos cativos e cativas que participan no Obradoiro de teatro e panxoliñas, que comezou o pasado día 15. Esta é a segunda xornada desta actividade na que un total de 27 nenos e nenas ensaian unha breve obra teatral relacionada co Nadal así como unha panxoliña, pezas que interpretarán ante o público o día 30 de decembro.

Ese mesmo día pola tarde celebrarase o tradicional Festival da Unidade Pastoral, que comezará ás 17:00 horas na Casa da Cultura. Tres horas máis tarde chegará outra cita habitual no Nadal de Cervo como é a Tarde de Corais, na que actuarán a Coral Terramar de San Ciprián, a Coral Polifónica de Barreiros e o Coro dos Castros de Galdo.

O Mago Teto será o encargado de amenizar a tarde do domingo cos seus trucos de maxia (18:00 horas, Auditorio da Casa da Cultura). O ourensán ofrecerá unha actuación participativa e mesturada co humor que caracteriza os seus espectáculos. Un acto no que a Concellería de Servizos Sociais seguirá coa súa campaña de captación de fondos para a adquisición de medicamentos para os nenos e nenas dos campamentos de refuxiados saharauís.

Exit mobile version