Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo prepárase para o I Torneo de Tenis de Mesa incluído no programa de Nadal

Cervo prepárase para o I Torneo de Tenis de Mesa incluído no programa de Nadal

-Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría

Cervo, 13 de decembro de 2012-A Concellería de Deportes presentou hoxe o I Torneo de Tenis de Mesa Concello de Cervo que terá lugar o venres día 28 ás 16:30 horas no pavillón da Veiga. Unha cita con este deporte de raqueta organizado polo Club de Tenis de Mesa San Ciprián e que conta coa colaboración do Concello. O evento será competitivo e os enfrontamentos distribuiranse en roldas eliminatorias segundo as catro categorías de idade establecidas: alevíns (de 8 a 10 anos), infantil (de 11 a 13), cadete (de 14 a 15) e absoluta (a partir de 16). Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo.

Para poder participar é necesario inscribirse, ou ben na Casa da Cultura (982 59 51 57) ou ben o mesmo día do torneo. Este evento deportivo está incluído no programa de actividades de Nadal, aproveitando que se trata dunhas datas de vacacións para moitas persoas, especialmente para a mocidade. Un torneo que ten o obxectivo de “espertar o interese polo tenis de mesa e fomentar a súa práctica, sobre todo entre os máis novos, conseguindo un efecto chamada para que esta disciplina se vaia facendo visible e gañe cada vez máis adeptos” explica a edil de Deportes, Yolanda Pedreira, que hoxe participou na presentación xunto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o presidente do Club, José Manuel Estéfano.

O Tenis de Mesa é unha disciplina que vai gañando en número de afeccionados no municipio cervense, especialmente tras a creación do club hai dous anos, impulsado por un grupo de adultos entre os que se atopa o propio Estéfano. “Dende o Concello consideramos necesario potencialo ao tratarse dun deporte moi completo, que non só permite a realización de exercicio aeróbico, senón que tamén mellora a sincronización e a coordinación ollo-man” engade a edil.

Exit mobile version