Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza en Ribadeo o Mercado do Nadal cunha trintena de artesáns

ESTA TARDE ABRE AS SÚAS PORTAS A DÉCIMA EDICIÓN DO MERCADO DO NADAL NO QUE PARTICIPAN UNHA TRINTENA DE ARTESÁNS. OS POSTOS ESTÁN SITUADOS, POR PRIMEIRA VEZ, NAS RÚAS PEONÍS DA VILA. SUÁREZ BARCIA CONVIDA A VISITAR RIBADEO NESTAS DATAS.

Ribadeo, 5 de decembro de 2012. Esta tarde abre as súas portas en Ribadeo a décima edición do Mercado do Nadal no que participan unha trintena de artesáns. Os postos neste 2012 están situados nas rúas peonís da vila. O alcalde, Fernando Suárez, convida a visitar Ribadeo nestas datas.

O rexedor quere convidar, como cada ano, “a todos os nosos veciños de Ribadeo a todos os nosos conveciños e amigos da Mariña de Lugo e do Occidente asturiano para que veñan gozar, para que volvan a Ribadeo a participar nesta décima edición do Mercado do Nadal, que empeza esta tarde e que vai ter continuidade todos os días da ponte ata o domingo pola noite”.

Suárez Barcia subliñou que “a diferenza dos últimos anos non vai haber un mercado na carpa que poñiamos sempre no parque de San Francisco senón que o mercado en si vai estar diluído nas rúas comerciais de Ribadeo a través duns 30 postos de artesáns que teñen en común que todos son profesionais da artesanía con certificación, que venden os seus produtos tanto alimentarios (doces, améndoas, licores, embutidos, queixos, etcétera) como outro tipo de artesanía (de cerámica, tea, coiro, prata, ourivaría, etcétera). Entre todos vanlle dar este aire de Nadal, co que sempre pretendemos atraer á xente aquí, a Ribadeo, a principios de decembro, nesta longa ponte”.

E engadiu “con isto o Nadal xa empeza en Ribadeo. Tamén este ano, de acordo coa asociación de comerciantes e custeando ao 50 por cento cada un, vamos acender o alumeado do Nadal, que é moito máis humilde do que foi en anos anteriores, pero que a pesares da situación económica creo que tamén vai ser bastante bonito. Estamos creando cousas para que a xente veña aos restaurantes, aos comercios, para que a veña a gozar de Ribadeo, que é do que se trata”.

O alcalde de Ribadeo tivo palabras de agradecemento para a Deputación de Lugo, “que nos axuda economicamente a custear unha parte moi importante deste Mercado do Nadal, que o que persigue é dinamizar o noso pobo, o noso concello”.
—————–
O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN VISITA O X MERCADO DE NADAL DE RIBADEO O DÍA DA SÚA INAUGURACIÓN

Antonio Veiga destaca esta cita coa artesanía e a cultura como un reclamo turístico que permite dinamizar a economía da vila no mes de decembro

Arredor de 30 postos danse cabida en varias rúas peonís da vila dende hoxe e ata o vindeiro domingo, 9 de decembro

Ribadeo, 5 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou a décima edición do Mercado de Nadal de Ribadeo, coincidindo co día da súa inauguración. Esta actividade, típica destas festas na localidade mariñá, está organizada polo concello de Ribadeo en colaboración coa Vicepresidencia do ente provincial e o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, e en sintonía absoluta coa ACISA, a Asociación de Amigos da Madeira, Amigos da Gaita, e o colectivo Sonda Norte.

Arredor de 30 postos de artesanía, instalados nas rúas peonís Rodríguez Murias, Ramón González e Reinante, danse cabida nesta cita que se prolongará ata o vindeiro domingo, 9 de decembro. Obradoiros, talleres, exposicións de arte e música completan o programa desta edición do Mercado de Nadal, que adoita atraer numerosos visitantes da comarca e do Occidente Asturiano.

Para Antonio Veiga “a celebración desta décima edición do Mercado de Nadal e a gran cantidade de postos que poñen á venda os seus produtos ano tras ano confirma que estamos ante unha cita totalmente consolidada na vila”.

“Unha cita – continuou Veiga – que permite dinamizar e impulsar a economía local, máis aínda se temos en conta a ubicación que este ano ten o mercado, posto que ao estar localizado nas rúas peonís da vila, donde se concentra unha gran parte do comercio e da hostalaría, os establecementos veranse beneficiados pola afluencia de veciños e veciñas e a visita de turistas que se animarán a pasar por Ribadeo estes días grazas ao reclamo no que se ten convertido este Mercado de Nadal”.

Exit mobile version