Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou hoxe o obradoiro de emprego solicitado polos concellos de Cervo, Alfoz e O Valadouro

Arrinca o obradoiro de emprego de Cervo, Alfoz e O Valadouro no que participan 27 parados

A iniciativa prolongarase durante os próximos seis meses e incluirá formación teórica e traballos reais

Cervo, 28 de novembro de 2012-O obradoiro de emprego solicitado conxuntamente polos concellos de Cervo, Alfoz e O Valadouro comeza hoxe a súa actividade. Unha iniciativa de formación e capacitación laboral na que participan un total de 27 persoas desempregadas maiores de 25 anos, das cales 13 son específicas do municipio cervense. En canto ás especialidades, correspóndense con dúas áreas diferentes como son a atención sociosanitaria a persoas no domicilio; e instalación e mantemento de xardín e zonas verdes, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

O obradoiro desenvolverase ao longo dos próximos seis meses e inclúe formación e realización de obras ou prestación de servizos que permitan adquirir experiencia laboral durante 960 horas. Deste xeito, o alumnado recibirá clases teóricas que se combinarán con traballos de utilidade pública que redundarán en beneficio da cidadanía, xa que ditas tarefas se realizarán en centros de traballo e espazos reais. Así, o alumnado da especialidade de xardinería realizará as súas labores de aprendizaxe nas zonas verdes e montes do municipio, mentres o alumnado de atención sociosanitaria efectuará as súas tarefas nunha residencia.

Con esta iniciativa preténdese “mellorar as posibilidades de inserción de persoas en paro e especialmente daquelas en risco de exclusión, ao tempo que se amplían as súas posibilidades dotando a eses desempregados dunha nova saída laboral que lles pode abrir moitas portas” explica a edil de Emprego, Yolanda Pedreira.

Exit mobile version