Site icon Crónica3.com A Mariña

Constitúese en Burela a Asociación de Mulleres en Igualdade sen ánimo de lucro e ámbito de acción provincial

Coa denominación ASOCIACIÓN DE MULLERES EN IGUALDADE DE BURELA (BUMEI) constitúese en Burela (Lugo), o día 20 de setembro de 2012, unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro e con ámbito territorial de acción en toda a provincia de Lugo.

A xunta directiva está formada por 8 mulleres:

PRESIDENTA: Mª DEL MAR FRAGA FERNÁNDEZ
VICEPRESIDENTA: JOSEFA YÁÑEZ CAO
SECRETARIA: NATALIA PIÑEIRO PÉREZ
TESOUREIRA: BLANCA FERNÁNDEZ BAEZA
VOCAIS: Mª AMADA PALMEIRO LÓPEZ, OLIVA CABANAS DOMÍNGUEZ, JENNYFFER OTERO FRAGA E DIANA DURÁN GARCÍA

Son fins principais da asociación:

Conseguir que os dereitos civís recoñecidos pola Constitución de 1978 (art. 9.2) ás mulleres, sexan realmente exercidos como tarefa prioritaria do noso concello.
Promover a igualdade de xénero entre as mulleres.
Realizar accións de prevención da violencia de xénero dirixidas á poboación en xeral.
Desenvolver actividades de información para as mulleres (publicacións, seminarios, folletos, accións audiovisuais, encontros co outras asociacións, etc.) e adaptalas en función da evolución das súas necesidades.
Realizar accións de acollemento, información, orientación e asesoramento dirixidas a mulleres con necesidades específicas: inmigrantes, maiores, discapacitadas, etc.
Desenvolver campañas e actividades informativas e de sensibilización sobre aspectos de muller.
Elaborar campañas socioeducativas baseadas na igualdade e no respecto intercultural dirixidas á xuventude e infancia.
Desenvolver actividades de formación e aquelas encamiñadas a promover a plena igualdade entre mulleres e homes
Levar a cabo contactos e intercambios con outras entidades que traballen para acadar os mesmos obxectivos.
Colaborar con iniciativas ou campañas que promovan a paz, a solidariedade e a cooperación entre persoas e pobos.
Fomentar a conciliación da vida laboral e familiar.

Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organizar as seguintes actividades:

Acollemento, información, orientación e asesoramento á muller, así como ao resto de persoas que precisen información sobre igualdade de xénero.
Accións de sensibilización e promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Accións que fomenten a solidariedade e cooperación.
Encontros con outras asociacións/entidades que promovan o mesmo fin.
Actividades/programas dirixidos a favorecer a conciliación laboral e familiar.
Convivencias con outros colectivos/asociacións de mulleres para favorecer as súas habilidades e competencias.
Talleres de autoestima e desenvolvemento persoal para mulleres.
Calquera outra actividade que respecte e responda ao obxecto da asociación.

A xunta directiva arranca con forza e con moitas ganas de traballar, xa que nestes tres escasos meses de vida da asociación foron capaces de poñer en marcha 4 grandes proxectos: banco de alimentos, roupeiro, banco bebé (xoguetes, roupa ou calquera artigo de puericultura) e banco maiores (axudas técnicas, pañais, ou calquera producto para o coidado das persoas maiores).

A xunta directiva agradece o apoio do Concello de Burela e, por suposto, a todas aquelas mulleres que se están unindo como asociadas, xa que sen o seu apoio voluntario todos estes proxectos carecen de sentido.

Exit mobile version