DERBI PROVINCIAL DE TERCEIRA, NA ANTESALA DO TREPIDANTE BURELA FS-SANTIAGO FUTSAL
O derbi provincial de Terceira entre o Burela FS Pescados Rubén B e o Vilalba FS abrirá o apetito futbolístico este sábado en Vista Alegre (16.00 horas), como antesala ao gran duelo galego, ao trepidante enfrontamento entre o cadro de Julio Delgado e o sólido Santiago Futsal (18.30 horas), que recalará na Mariña defendendo a terceira praza da Primeira División.
Aos pupilos de Iván Cao ‘Lucas’ volve presentárselles un compromiso difícil, ante un rival con veteranía sobre o que tan só teñen un punto de vantaxe. “É un equipo cunha defensa ben traballada e con moita saída á contra; debemos evitar que o partido se converta nun correcalles para non facer perigar o marcador” advertiu o adestrador, que tamén indicou que “o Vilalba chegará a Burela moi motivado despois de vencer ao líder, O Esteo (5-4), na última xornada”.
A falta de dúas xornadas para tocar o ecuador ligueiro, o técnico laranxa amosouse moi satisfeito coa adaptación do equipo á categoría e ilusionado co que os seus xogadores poden ofrecer ata finais da tempada: “A actitude é excelente e os xogadores están en condicións físicas óptimas; estamos madurando e conseguindo non perder a concentración nos partidos” asegurou o mariñán.
Á espera da convocatoria definitiva dos de Julio Delgado, Lucas terá á súa disposición todos os efectivos, a exceción de Antón, sancionado con dous partidos de suspensión tras a expulsión da semana pasada en Vigo.
O Burela FS B despedirá a primeira volta xa en 2013, polo adiamento ao 4 de xaneiro da 15ª xornada na pista xovense do Mesón Pizzería A Fuga, prevista no calendario inicial para o 29 de decembro.
Volve Manu. O canteirán Manuel Jiménez (Burela, 1992) regresa ás filas laranxas. O ala, que comezará a adestrar co Burela FS B nos vindeiros días, estreouse na Segunda División co equipo burelista en 2009-10, aínda en idade xuvenil; no mercado invernal da tempada pasada trasladouse ao Benicarló FS-Castell de Peñíscola FS.