Site icon Crónica3.com A Mariña

Entrega de premios do XIII Certame de Poesía Díaz Jácome en Mondoñedo que gañou Anxo Mena

ANXO MENA, GAÑADOR DO XIII PREMIO DE POESÍA DÍAZ JÁCOME ORGANIZADO POLA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN E O CONCELLO DE MONDOÑEDO

Antonio Veiga participou no acto de entrega de galardóns, celebrado, esta mañá, no Concello de Mondoñedo

“Esta convocatoria supón unha oportunidade idónea para a novas promesas da poesía galega e para a promoción da nosa lingua máis alá do ámbito cotiá”

Lugo, 22 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga entregou os premios do XIII Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo xunto coa Área de Cultura do organismo provincial “co afán de estimular a creación poética entre os mozos e mozas”. Neste acto, celebrado esta mañá, na casa consistorial mindoniense, tamén participaron Orlando González, alcalde de Mondoñedo; e Xosé Ramón Barreiro, catedrático e historiador e expresidente da Real Academia Galega.

Nesta ocasión presentáronse máis dunha trintena de traballos, o que supón un incremento a nivel participativo respecto ao ano pasado. De entre todos os poemas que entraron a concurso, “Comezando a loita”, de Anxo Mena Rodríguez, de Carral, conseguiu o máximo galardón, dotado con 1500 euros. O segundo premio, de 600 euros, recaeu en “Paisaxe con afogado”, do pastoricense Jesús Castro Yáñez, e o terceiro, de 300, foi para María Helena López González, de Sarria, pola súa obra “Poñentes”.

Durante o acto de entrega, Antonio Veiga congratulou a todos aqueles que participaron neste certame, e explicou que “se trata dunha convocatoria que supón unha oportunidade idónea para a promoción de novas promesas da literatura en verso do noso País, ao mesmo tempo que fomenta o uso da lingua galega máis alá do ámbito cotiá”.

“Dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, nomeadamente dende as Áreas de Cultura e Normalización lingüística, apoiamos todas aquelas iniciativas que favorecen a cultura e lingua galegas, algo moi necesario nunha época tan difícil para o noso idioma. Tanto é así, que ademais de promover esta nova edición do Certame de poesía Díaz Jácome, vimos de colaborar tamén no Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, convocado, no pasado mes de novembro, con motivo do centenario do seu pasamento”, concluíu o vicepresidente.

Exit mobile version