Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova e Queremos Galego organizan un concerto en defensa da lingua no pub O Rockuncho de Ribadeo

Concerto en defensa da lingua

O sábado 22 de decembro, ás 22:30h, no pub O Rockuncho (Ribadeo) terá lugar o concerto en defensa da nosa lingua organizado por Galiza Nova e a Plataforma Cidadá ‘Queremos Galego’ na Mariña. No concerto actuarán:

-Skholma (punk-rock)

-Balbordo Público (punk)

-O Leo i Arremecághona (punk)

Desde Galiza Nova, integrada na Plataforma ‘Queremos Galego’, exiximos que se derrogue o decreto antigalego do PP, que marxina a nosa lingua nas aulas de Galiza, e cuxos puntos clave veñen de confirmarse coma ilegais, tralas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ou o informe do Consello de Europa descualificando a política idiomática da Xunta. A sentenza do TSXG invalida as políticas galegófobas do PP no ensino, que xa foran contestadas amplamente pola comunidade educativa e o conxunto da sociedade galega en diversas e históricas mobilizacións.

Asemade, a reforma da LOMCE, impulsada polo ministro Wert (PP), pretender lexislar en contra do coñecemento e estudo das linguas propias excluíndo, así, o galego do ensino. Alén diso, propón un modelo educativo totalmente elitista, selectivo e contrario á igualdade de oportunidades, co obxectivo claro de expulsar do sistema educativo os fillos e fillas das clases populares e desmantelar o ensino público. Deste xeito, animamos a todas as persoas da Mariña a asistiren ao concerto do día 22 en Ribadeo para disfrutaren de máis de 3 horas de boa música en galego e, tamén, a secundaren a manifestación nacional que terá lugar o 27 de xaneiro en Compostela.

Exit mobile version