Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova proponse “Recuperar a historia para conquistar o futuro”

“Recuperar a historia para conquistar o futuro”

Xornada de recoñecemento ao Reino de Galiza.

No próximo domingo 16 de Decembro, a organización xuvenil do BNG, GALIZA NOVA, celebrará unha xornada lúdico cultural co obxectivo de reivindicar a historia nacional galega, tantas veces deturpada ou ocultada pola historiografía oficial e, nomeadamente, a historia do Reino de Galiza.

Os actos comezarán a primeira hora da mañá cun roteiro até o Alto da Frouseira, onde se realizará un izado de bandeiras. A seguir, ás 12:30, na Casa da Xuventude de Mondoñedo, celebrarase unha mesa redonda coa participación do ex-deputado do BNG no Parlamento europeo, Camilo Nogueira, que falará sobre o papel do Reino de Galiza na Idade Media e o historiador Xoan Carlos Breixo que falará sobre a figura de Pardo de Cela. Ao remate, as e os que así o desexaren poderán desfrutar dun cocido na Taberna O Valeco. Xa pola tarde, ás 17:00, Galiza Nova brindará a xa tradicional homenaxe á figura de Pardo de Cela na Praza da Catedral de Mondoñedo, que este ano contará coa presenza do recén eleito Secretario Xeral, Alberte Mera e co Responsábel Comarcal do BNG, Antonio Veiga.

Con estas actividades, Galiza Nova pretende achegar á mocidade mariñá etapas e personaxes da nosa historia indispensábeis para entendermos a evolución socio histórica de Galiza, así como conmemorar unha data ineludíbel no noso calendario nacional; a da execución do Mariscal Pardo de Cela.

Desde Galiza Nova, facemos un convite aberto e un chamado á participación nesta xornada de actividades arredor do antigo Reino de Galiza. Actividades coas que irmos construíndo máis consciencia do noso pasado, requisito imprescindíbel para garantirmos o noso futuro colectivo como nación.

Exit mobile version