Site icon Crónica3.com A Mariña

Gran afluencia de público na obra “Menciñeiros” representada por Volta e Dalle Teatro en Celeiro de Mariñaos

ANTONIO VEIGA ASISTIU Á REPRESENTACIÓN DA OBRA MENCIÑEIROS DO GRUPO VOLTA E DÁLLE TEATRO

Esta función, posta en escena en Celeiro de Mariñaos, enmárcase no programa de circuítos do Proxecto Teatral Buxiganga, a través do cal se ofreceron un total de 24 actuacións ao longo do ano na Mariña

A gran afluencia de público que asistiu a esta representación é só un exemplo da grandísima afección que existe polo teatro na comarca

Lugo, 14 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu, na tarde de onte, á representación da obra “Menciñeiros”, posta en escena polo grupo Volta e Dálle Teatro nas antigas escolas de Celeiro de Mariñaos.

Esta actuación enmárcase no programa de circuítos do Proxecto Teatral Buxiganga 2012, no que participaron 24 agrupacións, ofrecendo un total de 69 funcións, 24 das cales se representaron na comarca da Mariña.

A obra Menciñeiros, baseada na Escola de Menciñeiros, do autor mindoniense Álvaro Cunqueiro, constitúe un esforzo máis na aposta da compañía Volta e Dálle por recuperar o teatro e o patrimonio cultural galego, neste caso, outorgándolle o protagonismo escénico a unha das figuras máis interesantes do imaxinario tradicional do noso país: os menciñeiros e os curandeiros.

Lucho Penabade e Comba Campoy son os encargados de dirixir esta peza, que conta co protagonismo de Pepe Penabade, Xosé Luís Rivas “Mini”, e Baldomero Iglesias “Mero”. Os dous últimos tamén se encargarán de poñer a música en directo, elemento de gran relevancia na representación desta obra.

A gran afluencia de público que asistiu a esta posta en escena da obra Menciñeiros é só un exemplo da grandísima afección que existe polo teatro na Mariña, comarca na que o proxecto Buxiganga é un éxito rotundo grazas tanto aos actores como a toda a xente que asiste ás representacións.

Exit mobile version