Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguradas as III xornadas de Historia de Riotorto organizadas pola asociación Arrincadeira

INAUGURADAS AS III XORNADAS DA HISTORIA DE RIOTORTO ORGANIZADAS POLA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN E A ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA

Antonio Veiga participou no acto inaugural no que tamén se presentou un libro recompilatorio das ponencias da edición anterior

Dende a área de Cultura do ente provincial destácase a importancia desta cita para coñecer o pasado, organizar o futuro, divulgar o patrimonio e reactivar a chegada de visitantes

Lugo, 22 de decembro de 2012. O salón de actos da Casa da Cultura de Riotorto acolle esta fin de semana as III Xornadas da Historia de Riotorto, organizadas pola área de Cultura da Deputación de Lugo e a Asociación Cultural Arrincadeira e que se celebran por terceiro ano consecutivo. O vicepresidente do ente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, participou no acto de apertura no que tamén se presentou de xeito oficial o libro “II Xornadas da Historia de Riotorto”, unha pequena escolma cos relatorios dos participantes da edición anterior e no que, entre outros aspectos, se fai referencia ao impulso dos mazos e ferrerías durante os séculos XVI e XVII.

Neste senso, Veiga subliñou a importancia desta cita que espera “teña continuidade en anos seguintes para continuar pondo en valor e divulgando o patrimonio histórico non só de Riotorto senón de toda a provincia de Lugo. Trátase de saber de onde vimos para saber cara onde imos e poder organizar o futuro, así como para que as xeracións vindeiras teñan constancia do pasado desta terra de ferreiros, pero tamén esperamos que esta cita actúe como ferramenta para a atracción de novos visitantes”.

Con respecto ao desenvolvemento destas III Xornadas da Historia de Riotorto, cómpre destacar a intervención de Mario Saavedra Pérez, veciño de Pacios e escritor cuxo traballo permite ter boa conta da nosa cultura popular e sobor de todo da riqueza patrimonial en canto a cruceiros, cruces e demais simboloxía relacionada, materia sobre a que disertou destacando a presenza destas esculturas na localidade.

Na xornada de mañá, domingo 23, Miguel Abraira Pérez, historiador e coñecedor da Cultura do Ferro, gañador do premio Xesús Ferro Couselo á investigación en antropoloxía e ciencias sociais no ano 2002 polo traballo “Ferreiro, técnica e cultura: o traballo tradicional en Riotorto, A Pontenova e Taramundi”, presentará o traballo máis completo feito ata agora sobre a Historia dos mazos de Riotorto, que se completará coa proxección do documental “Os Ferreiros de Ferreiravella”, emitido por TVE-Galiza no ano 1984.

Exit mobile version