Site icon Crónica3.com A Mariña

Militantes de base do PSOE de Lugo aspiran a “ter un secretario xeral en Galicia da nosa provincia”

Os militantes de base do PSdeG-PSOE de Lugo aspiramos a ter un Secretario Xeral en Galicia da nosa provincia

Queremos valorar positivamente a convocatoria do encontro dos militantes do PsdeG-PSOE de Lugo que tivo lugar no día de onte. Dende un primeiro momento consideramos que esta iniciativa pioneira do Secretario Xeral do noso partido foi unha boa idea e que faría posible a elaboración dun documento que traslade ás agrupacións locais o debate de ideas e proxecto que nos permita ir cara adiante e contribuir a construir o que debe ser a nosa organización: un gran PSdeG – PSOE.

Somos un grupo de homes e mulleres militantes de base da provincia que non nos amilanamos polo que dirán e que sempre fomos escrupulosamente respetuosos con tódolos compañeiros e compañeiras, pero que temos moi claras as propostas que fixemos, facemos e seguiremos facendo, pois son posibles e dignas de levar a cabo. Entre as mesmas figuran:

Primarias con calendarios estudiados, abertas a militantes e simpatizantes.

Listas abertas.

Limitación do tempo de permanencia nos cargos.

Recuperación da estrutura comarcal, facéndoa útil e aglutinadora das masas sociais.

En relación aos procesos xudiciais, queremos que se determine como teñen que actuar os cargos nos casos de imputacións, e que se diferencie entre aquelas imputacións que conlevan a adopción de medidas cautelares, como pode ser a fianza ou a propia privación de liberdade, e as que non teñen este tipo de consecuencias, procurando que prevaleza en tódolos casos o dereito á presunción de inocencia.

Deixar claro que o PSOE é un partido de goberno e aspira ao poder, pero con coherencia e lealtade cara ós cidadáns do noso país, e onde temos que estar neste momento é nas rúas e non nas sedes, pois é a carón da xente onde somos máis necesarios.

Soamente as siglas do noso partido son suficientes para indicarnos o camiño a seguir, social e obreiro, o que se traduce na loita polos dereitos sociais e laborais dos cidadáns, a defensa das persoas que están a ser deshauciadas, a defensa dos afectados polas participacións preferentes, a defensa dos dereitos dos traballadores a través da vixiancia das empresas.

En definitiva, pensamos que as bases de Lugo tamén teñen que contar, e que nos últimos vintecinco anos non tivemos un Secretario Xeral en Galicia da nosa provincia e as bases de Lugo aspiramos a telo, polo tanto, traballaremos a reo para facelo posible.

Fdo. Grupo de traballo de homes e mulleres militantes de base da provincia de Lugo.

Exit mobile version