Site icon Crónica3.com A Mariña

O Apalpador visitou Barreiros nunha xornada organizada polo CC Ollomao onde tamén actuou Pablo Díaz co Tic-Tac

O APALPADOR VISITOU BARREIROS NUNHA XORNADA FESTEIRA NA QUE TAMÉN ACTUOU PABLO DÍAZ CO TIC-TAC.
No acto repartíronse prantas de castiñeiros e chocolate quente acompañado de roscón.

Barreiros, 30 de decembro de 2012. O Colectivo Cultural Ollomao pechou o ano cunha intensa actividade nesta fin de semana que comezou coas xornadas de historia local sobre o Masma e rematou coa visita do Apalpador.
O carboeiro procedente do Courel baixou ata o concello barreirense para visitar ás nenas e nenos e contarlles como cada día atopa máis problemas para agasallar castañas debido ao lixo que se acumula nos montes e aos incendios forestais. Por iso, as nenas e os nenos de Barreiros comprometéronse co Apalpador a berrar ben forte “non prendas lume!” Ademais, o Apalpador repartiu entre as persoas que o acompañaron, un cento de castiñeiros para que medren fortes e sans por Barreiros adiante, como xa fixera o ano pasado repartindo carballos.
Pola mañá, quixo estar no interior de Barreiros, onde é menos habitual que se realicen este tipo de actividades, por iso se achegou a San Xusto para visitar ás nenas e nenos das parroquias máis rurais do concello.
Xa á noitiña un nutrido grupo de nenas, nenos e maiores agardaban ao Apalpador na praza do concello desde onde o acompañaron ao centro sociocultural para escoitar as súas historias e desfrutar, a continuación, do espectáculo do Tic-Tac de Pablo Díaz e a súa formación.Para poñer fin á xornada, desde Ollomao repartiron chocolate quente e roscón.
Desde o Colectivo Cultural Ollomao queren agradecer a colaboración de Viveiros Mañente e Pastelería Artesá Obradoiro e aproveitan para desexarlle a todas as súas amigas e amigos un ano 2013 cheo de Cultura.

Exit mobile version