Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que a Constitución é papel mollado, non representa ao pobo galego

VEIGA ASEGURA QUE GALIZA NON TEN NADA QUE CELEBRAR O 6-D PORQUE A CONSTITUCIÓN NEGA A SOBERANÍA DO POBO GALEGO

O BNG da Mariña chama a participar nunha concentración simbólica a través da rede para reivindicar a soberanía e o carácter nacional do país

“A xustiza económica e social chegará a Galiza cando esta sexa recoñecida como soberana”

A Mariña, 5 de decembro de 2012. “A Constitución é papel mollado, non representa ao pobo galego”, así de contundente se mostra o responsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Mariña, Antonio Veiga, quen pide a todos os mariñáns que aproveiten o día de mañá para reivindicar a soberanía de Galiza e participen nos actos alternativos propostos pola formación nacionalista con tal fin.

O BNG non tomará parte de ningunha das actividades programadas con motivo do 6-D porque, segundo Veiga “non temos nada que celebrar, nin nada que conmemorar. A Constitución de 1978 é unha norma obsoleta, totalmente allea á realidade e que non representa o sentir do país, ampara unha institución como a Monarquía, que é a escenificación dunha rede clientelar, e non recoñece Estado plurinacional negando a nosa nación.”

“ Fronte ao neoliberalismo caníbal –insiste Veiga- Galiza debe liderar o seu futuro e procurarse un novo modelo económico e social, o cal non será posíbel mentres non sexa soberana. A verdadeira democracia e a auténtica xustiza social só chegarán ao noso país cando Galiza sexa capaz de gobernase así mesma. O futuro da nosa nación non pode estar supeditado aos intereses de Madrid.”

Dende o Bloque da comarca da Mariña piden aos mariñáns a que participen nunha concentración simbólica a través das redes sociais ao longo de todo o día de mañá, pendurando das mesmas, frase, gráficos, fotografías ou vídeos que axuden a chamar a atención sobre a importancia e a necesidade de que o noso país sexa soberano. Todos estas accións desenvolveranse baixo o hashtag #SoberaníaGZ.

Exit mobile version