Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama a concentrarse en Burela en contra da venda de NCG

O BNG CHAMA AOS MARIÑÁNS A CONCENTRARSE ESTE LUNS EN BURELA EN CONTRA DA VENDA DE NCG

Veiga pide a Feijóo que asuma a súa responsabilidade na desaparición do sistema financeiro do País e recoñeza que mentiu aos galegos cando prometeu unha caixa galega e solvente

A Mariña, 1 de decembro de 2012. O BNG da Mariña convoca a todos os mariñáns, especialmente aos afectados pola estafa das participacións preferentes e por un proceso de desafiuzamento, a que participen na concentración prevista para o luns, 4 de decembro, ás 12:00 horas, diante da sucursal de NovaGaliza (NCG) Banco, en Burela, na rúa Arcadio Pardiñas, para amosar o rexeitamento cara á venda desta entidade bancaria.

Antonio Veiga, responsábel comarcal da formación nacionalista, insiste “na importancia de escenificar o malestar do pobo ante o desmantelamento do sistema financeiro galego e das graves consecuencias que iso suporá, principalmente, milleiros de despedimentos en todo o País e o incremento das dificultades das PEMES galegas para acceder ao crédito”.

“O Goberno do Estado -continúa Veiga- está obsesionado con salvar á banca esquecendo que a súa prioridade debe ser satisfacer as necesidades dos cidadáns, máis nun momento como o actual, de extrema gravidade. Rajoy salva á banca co diñeiro do pobo pero non é capaz de garantir que os afectados polas participacións preferentes cobren integramente os seus aforros. Rajoy rescata á banca co diñeiro do pobo pero non é capaz de cambiar a lei hipotecaria para evitar o drama dos desafiuzamentos.”

Dende o BNG da Mariña pídese ao veciños e veciñas da comarca que “digan NON ao espolio do aforro galego e que reclamen que os buracos da banca os paguen os banqueiros e non os cidadáns como pretenden o presidente do Goberno do Estado e o presidente da Xunta, quen debe dar explicacións sobre o que está a suceder cos aforros dos galegos e das galegas e recoñecer que durante a campaña electoral mentiu a todo o País prometendo unha caixa galega e solvente”-concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version