Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de A Mariña esixe á Xunta solucións urxentes que eviten a indefensión diante das eléctricas

O BNG DA MARIÑA ESIXE Á XUNTA SOLUCIÓNS URXENTES QUE EVITEN A INDEFENSIÓN DOS CONSUMIDORES DIANTE DAS COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS

OS NACIONALISTAS APOIAN O TRABALLO DA PLATAFORMA DE AFECTADOS CONTRA OS ABUSOS DO MERCADO ELÉCTRICO E ANUNCIAN A PRESENTACIÓN DE MOCIÓNS NOS CONCELLOS DA COMARCA

ACUSAN Á CONSELLARÍA DE INDUSTRIA DE ESTAR MAIS PENDENTE DOS PROBLEMAS DAS GRANDES CORPORACIÓNS ELÉCTRICAS QUE DAQUELES QUE ESTAS CAUSAN Á CIDADANÍA

A Mariña, 1 de decembro de 2012. O Portavoz Comarcal do BNG, Antonio Veiga, fixo explícito o apoio do BNG ao traballo da recentemente creada Plataforma de Afectados polos abusos do mercado eléctrico e anunciou unha batería de iniciativas nos concellos da comarca para demandar da Xunta de Galiza medidas claras e contundentes para poñer freo aos abusos das compañías eléctricas coa cidadanía. Veiga afirmou que son numerosos os exemplos tanto de particulares como de empresas onde existe un absoluto desamparo por parte da administración diante dos cobros abusivos e inxustificados, incumprimento da lexislación na renovación de equipos, cortes inxustificados do subministro ou facturación confusa por parte das empresas subministradoras e comercializadoras de enerxía eléctrica.

O PP no goberno galego está mais pendente das necesidades das grandes compañías electricas que en protexer á cidadanía dos seus abusos.

Os nacionalistas afirmaron que a liberalización do mercado eléctrico está provocando numerosos incumprimentos da lexislación vixente por parte das compañías subministradoras e comercializadoras con numerosos afectados na comarca mariñá, até o punto de que a sociedade xa ten articulado mecanismos de defensa explicitados na creación da Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico diante dunha administración que até o momento limitouse a constatar a existencia destes feitos sen tomar ningunha medida correctora como é a súa obriga. Para Veiga estamos unha vez mais diante dun goberno do Partido Popular compracente e sumiso cos poderosos que non protexe á cidadanía.

A facturación por lectura estimada de consumo está a provocar ademais de incrementos de facturación lineais que chegan ao 20%, numerosos casos onde, sen xustificación aparente, aplícanse facturacións que multiplican o gasto habitual por consumo eléctrico obrigando ao consumidor ao pago da factura, teña ou non presentada reclamación, baixo ameaza de corte do subministro aínda que esta non teña resolución por parte dos mecanismos de arbitraxe. Antonio Veiga advertiu que aquí non chega con solucións parciais ou parches de última hora senón que debe haber modificacións profundas non só para obrigar ao cumprimento da lexislación vixente, senón tamén para clarificar o sistema de facturación que o fagan mais transparente e eviten a indefensión da cidadanía.

A poboación galega non se beneficia de por vivir nun territorio execentario na produción e transformación eléctrica.

Os nacionalistas lembraron ademais que Galiza e un territorio excedentario na produción eléctrica e os custes de transporte enerxético son considerabelmente mais reducidos que noutras comunidades non produtoras, pero esta circunstancia non repercute na baixada dos prezos aos consumidores en Galiza que ademais teñen que soportar os custes sociais e medio ambientais da produción e transformación enerxética.

Bateria de iniciativas institucionais en diferentes ámbitos administrativos e reunión coa Plataforma AFAMELEC de representantes do BNG no Parlamento Galego.

O BNG demandará en liña co xa aprobado na Deputación de Lugo, que a Xunta de Galiza desenvolva medidas compensatorias para todas aquelas familias que se viron afectadas inxustificadamente pola estimación esaxerada das facturas eléctricas, que faga as xestións oportunas para que as empresas comercializadoras non efectúen os cortes do subministro ata que ser resolva o procedemento, obrigándolles a verificar que se cumpren os requisitos obrigatorios antes de ordenar a interrupción eléctrica, e reclamará ás corporacións municipais o apoio á Plataforma de Afectad@s Polos Abusos do Mercado Eléctrico(AFAMELEC) e insta aos gobernos municipais a facilitar no caso de que así se solicite, o uso de locais públicos para actos informativos desta entidade social. Antonio Veiga ademais aclarou que estas iniciativas non se van limitar ao ámbito municipal senón que serán trasladadas a instancias superiores xa sexa ao Parlamento Galego ou Estatal e anunciou unha reunión do Parlamentario Cosme Pombo coa Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico nas próximas datas

—————-

………………………………………………………, concelleiro/a portavoz/a do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de ……………………….. ao abeiro da lexislación vixente presenta a seguinte moción.

MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA DE GALIZA A QUE LEVE A CABO MEDIDAS QUE CONTROLEN O EXCESO DAS FACTURAS ELÉCTRICAS E COMPENSEN O SOBRECUSTO APLICADO A ALGÚNS FOGARES DA MARIÑA POLO FALLO DO SISTEMA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Estado Español está inmerso en pleno proceso de liberalización do mercado eléctrico para millóns de fogares logo de que o Goberno Central referendase esta medida imposta por Europa co fin de diminuír o custo da tarifa de último recurso (TUR) para as arcas públicas. A TUR foi creada en 2009 a modo de refuxio para unha potencia instalada inferior ós 10 quilovatios, unha categoría na que se inclúen practicamente todos os fogares do estado. Concretamente, o 76% de clientes de electricidade estatais teñen unha tarifa regulada deste tipo.

A liberalización do sector está a provocar numerosas violacións da normativa por parte das compañías comercializadoras e distribuidoras. Tal é así, que diversas plataformas de usuarios xa amosaron o seu rexeitamento a estas medidas e denunciaron a situación, no caso da Mariña a Plataforma de Afectad@s Polos Abusos do Mercado Eléctrico(AFAMELEC) que xa ven desenvolvendo labores de asesoramento coas persoas e empresas afectadas. Segundo datos da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) o endurecemento das condicións de acceso a preto de 5 millóns de fogares leva consigo unha suba da luz do 20%, xa que serían expulsados ó libre mercado. Unha estimación fixada pola mesma organización conclúe que un fogar acollido actualmente á TUR e que tivera contratado un consumo de 5,75 quilovatios de potencia e un consumo anual de 6.500 por hora, pagaría unha factura anual en electricidade de 1.405 euros. Ao restrinxirse as condicións e ser expulsado ao mercado libre este mesmo consumidor deberá de buscar unha oferta, e se se aplican as tarifas de Iberdrola ou Endesa ese fogar vería como a súa factura eléctrica aumentaría notablemente.

Esta situación agrávarase aínda máis coa substitución dos equipos de medida polos novos equipos dixitais adaptados para telexestión. Coa súa instalación detéctase un incremento na medida de consumo dos fogares próximo ao 10%, o que suporá que estes 6.500 quilovatios de consumo anual pasen a ser 7.150 realizando a mesma actividade que o ano anterior, pero cun custe maior.

Neste marco actual, o consumidor final atópase nunha situación de desamparo debido á falta de apoio por parte da Consellería de Industria ou Consumo, que non están a facer nada para evitar estes sobrecustos. As infraccións que se están a cometer son moi mumerosas. Estanse instalando por parte dalgunhas compañías equipos de medida sen ningún control metrolóxico incumprindo a normativa que rixe este proceso. Así mesmo, detectáronse casos nos que non existe ningún tipo de comunicación ao titular do punto do subministro violando claramente os seus dereitos como consumidor. Co novo sistema tampouco se pode nin recoller a medida do equipo anterior nin verificar a do actual para determinar o custe real da factura.

Por outra banda, rexistráronse graves retrasos nos prazos establecidos pola lei para efectuar modificacións nas condicións técnicas do punto do subministro a petición do usuario. Por exemplo, para realizar unha alta nova o normal son 5 días, mentres que agora este proceso pode durar ata varios meses. No caso do cambio da tarifa o tempo establecido son dúas semanas, en moitas ocasións tardan case un ano.

A situación agrávase aínda máis coas lecturas estimadas do consumo, xa que en moitos casos estas son notablemente esaxeradas, obrigando ao usuario a facer fronte a facturas desorbitadas se non quere que lle corten o subministro. Diante desta situación na que o gran prexudicado é o usuario, a administración que debe velar pola eficacia do proceso, a Consellería de Industria, non está a facer nada por evitalo. A resposta que se lle dá ó consumidor é clara: “primeiro pague e logo reclame”.

Esta forma de entender a normativa por parte do Executivo galego crea unha situación de total indefensión dos consumidores fronte ás compañías comercializadoras e distribuidoras. Este enfoque supón un “cheque en branco” para estas empresas, xa que se lle cobra de máis aos clientes por un servizo que non utilizaron. A solución, nestes casos, para reclamar os seus

cartos é recorrer á vía legal, co conseguinte gasto que se ocasiona para os demandantes, derivado do servizo prestado por avogados, procuradores e pago de taxas.

A interrupción de subministro non cumpre a normativa vixente. O Real Decreto 1955/2000 establece o procedemento a seguir para efectuar os cortes por impago, sendo obrigatoria a notificación do mesmo. En moitos casos estase executando sen que sexa advertido o usuario e noutros faise de forma inxustificada. Cando existe unha reclamación en Consumo por parte dalgún particular a lei que os ampara indica que non se lles pode cortar o subministro ata que non se resolva. Aínda así, os cortes prodúcense igual. Noutros casos, tendo presentada e rexistrada a reclamación en Industria, a interrupción tamén se realiza sen que este Departamento resolva e, por tanto, sen a autorización pertinente.

Ademais, dáse a particularidade de que cando se lle corta o subministro a un particular por falta de pago, resúltalle máis sinxelo obter a reposición do devandito subministro que a un abonado ao que a interrupción se fixo de forma irregular. O corte por falta de pago subsánase en 24 horas unha vez realizado o pago pendente pero, se o corte é irregular ou inxustificado, o titular ten que presentar reclamación en Industria, agardar a que este Departamento conteste e a que se resolva todo o procedemento administrativo.

A Comarca da Mariña non é allea a estas anomalías que conleva o sistema. Os problemas coa facturación eléctrica seguen provocando complicacións en varios concellos desta comarca, sendo esta comarca onde foron detectados un maior número de denuncias. É o caso dunha Comunidade de Propietarios de Cervo que no prazo dunha semana recibiron doce facturas de consumo eléctrico por un importe superior ós 10.400 euros. Trátase dunha cantidade que non se corresponde co que realmente deberían pagar debido a unha lectura estimada dos seus contadores. Neste caso concreto, o consumo eléctrico é duns 1.365 euros, sen embargo a factura recibida é 5 veces maior: 5.314 euros. Polo que se refire aos servizos comúns o custe dos mesmos é duns 750 euros, pero agora a compañía pasa a cobrarlles 5.114 euros, é dicir, seis veces máis do consumido. Noutros casos, tendo presentada e rexistrada a reclamación en Industria ou Consumo, a interrupción tamén se realiza sen que o Executivo galego resolva e sen a autorización pertinente.

Neste mesmo Concello tamén foi denunciado outro caso aínda máis alarmante se cabe. A un cervense transplantado que se medica cunha máquina ameazan con cortarlle a luz se non abona a factura de 628 euros que pasou a comercializadora. Nunha carta certificada enviada ao domicilio do usuario, a empresa advirte que, unha vez transcorrido o prazo, lle cobrarán xuros de demora e veranse obrigados a solicitar á distribuidora que lle corten o subministro eléctrico. A familia está vivindo unha situación dramática, xa que a advertencia do corte dificulta a supervivencia dun dos membros da familia que dende que foi intervido dunha afección de pulmón, cada día, durante dúas veces, ten que utilizar unha máquina alimentada por corrente eléctrica para administrarse un dos medicamentos.

Un caso semellante produciuse tamén na zona de Meira, nunha explotación gandeira unida á vivenda onde a aboa da familia precisa estar conectada dunha máquina de osíxeno.

Diante a gravidade da situación e a nula resposta da Consellería de Industria, pídese ó Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

A Corporación municipal de ………………… insta á Consellería de Industria a sanear esta situación e desenvolva diversas medidas compensatorias para todas aquelas familias que se viron afectadas inxustificadamente pola estimación esaxerada das facturas eléctricas.

A Corporación municipal de ………………… esíxelle á Xunta de Galicia que leve a cabo as xestións oportunas para que as empresas comercializadoras non efectúen os cortes do subministro ata que ser resolva o procedemento, obrigándolles a verificar que se cumpren os requisitos obrigatorios antes de ordenar a interrupción eléctrica.

A Corporación Municipal de ……………………………. apoia á Plataforma de Afectad@s Polos Abusos do Mercado Eléctrico(AFAMELEC) e insta ao goberno municipal a facilitar no caso de que así se solicite, o uso de locais públicos para actos informativos desta entidade social.

AO ALCALDE PRESIDENTE DA CORPORACION MUNICIPAL

Exit mobile version