Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros pídelle a José Rojo que afronte a súa decisión con valentía e non engane os veciños

O BNG DE BARREIROS PÍDELLE A JOSÉ ROJO QUE AFRONTE AS SÚAS DECISIÓNS CON VALENTÍA E QUE NON TENTE ENGANAR Á VECIÑANZA. OS NACIONALISTAS ENTENDEN QUE JOSÉ ROJO DEFENDE O MESMO QUE ALFONSO FUENTE E AS LOITAS PARECEN RESPOSTAR A UN REPARTO DE PODER E NON AO INTERESE POR ADOPTAR MEDIDAS QUE BENEFICIEN Á CIDADANÍA.

Barreiros, 19 de decembro de 2012 O BNG de Barreiros pídelle a José Rojo, o ex concelleiro de Economía, que afronte as súas decisións con valentía e que non tente enganar á veciñanza. Os nacionalistas aseguran que non teñen coñecemento de ningunha iniciativa do exconcelleiro noutro sentido do das presentadas polo PP e que nunca amosou ningunha discrepancia nos plenos.

Desde o BNG din que “tendo en conta as últimas informacións aparecidas nos medios, parece que José Rojo, concelleiro de Economía do goberno de Barreiros os últimos cinco anos, pretende desvincularse agora das accións do goberno barreirense”. Para o BNG de Barreiros “que o exconcelleiro de Economía en Barreiros se tente desvincular das decisións adoptadas polo goberno municipal e pretenda non ter responsabilidades ante a veciñanza é unha absoluta falla de respecto e unha mostra de que tenta enganar e confundir ás veciñas e aos veciños.”

Os nacionalistas argumentan isto sinalando “en primeiro lugar, porque leva cinco anos tomando parte dun goberno e ostentando unha concellaría importante, como é a de Economía, e á que afectan todas as decisións que se toman. En segundo lugar, porque non existe constancia de que as propostas das que fala se tiveran realizado en ningún órgano de goberno e moito menos no pleno. E en terceiro lugar, porque José Rojo cos seus votos apoiou e aprobou absolutamente todas as propostas do Partido Popular no pleno; sen que en ningún momento mostrara nin unha miga de crítica a estas medidas. Polo tanto, unha persoa que sistematicamente aproba estas medidas, aproba votando a favor, e non di absolutamente nada ao respecto é igual de responsable que de quen parten esas propostas”. Ao BNG non lle parece axeitado que “a concellaría de Economía sexa asumida agora polo alcalde, Alfonso Fuente. Se antes estaba mal agora irá a peor. Pensamos que concentrar as concellarías na persoa do rexedor non mellorará a situación na que se atopan”.

En calquera caso, “para o BNG non é preocupante que este señor deixe a concellaría, xa que leva cinco anos nela e en nada se notou esa desconformidade, se non unha absoluta conivencia e concordancia na liña política marcada polo Partido Popular. É máis, as súas pretendidas propostas parece que ían nesa mesma liña, xa que fala de recortes e contención do gasto. Exactamente os mesmos termos da política do PP alí onde goberna.”

Tendo isto en conta, o BNG tamén quere amosarse cauto nas súas declaracións, pero “para o BNG o preocupante é que estas loitas non sexan por buscar alternativas beneficiosas para as veciñas e veciños de Barreiros, senón que parece que este desencontro non se debe a unha discrepancia ideolóxica, senón a unha loita interna de poder.” Os nacionalistas engaden que “as ansias de poder xa levaron a José Rojo a cambiarse de partido noutras ocasións e agora a súa decisión podería respostar a algo así. É vergoñento que no PP anden enleados por estas cousas tendo en conta a situación do Concello e os problemas dos veciños e das veciñas de Barreiros”.

Exit mobile version