Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo defenderá no pleno a modificación da lei hipotecaria e a dación en pago

O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DO MÉRCORES A MODIFICACIÓN DA LEI HIPOTECARIA E A DACIÓN EN PAGO PARA EVITAR O DRAMA DOS DESAFIUZAMENTOS.

OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE NIN PSOE NIN PP TEÑEN CREDIBILIDADE NESTE TEMA DESPOIS DE ACTÚAR DE FORMA DIFERENTE NEGANDO SOLUCIÓNS A ESTE PROBLEMA EN FUNCIÓN DA SÚA PARTICIPACIÓN OU NON NO GOBERNO

PIDEN AO CONCELLO QUE ROMPA RELACIÓNS CON AQUELAS ENTIDADES QUE EXECUTEN PROCESOS DE DESAFIUZAMENTO A VECIÑ@S DO CONCELLO E INSTAN Á XUNTA E GOBERNO DO ESTADO A HABILITAR UN FONDO ECONÓMICO PARA OS CASOS MAIS DRAMÁTICOS

Cervo, 4 de decembro de 2012. O BNG defenderá no pleno do mércores a modificación da lei hipotecaria e a dación en pago con carácter retroactivo, ademais pedirá o acordo do pleno da corporación para instar ao goberno do Estado e Xunta de Galiza á creación dun fondo económico especial para axudar aos casos máis dramáticos, unha oficina da Xunta para asesoramento aos afectados, esixencia ás entidades bancarias da entrega de vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte dunha bolsa de vivenda social e a ruptura de relacións do concello con aquelas entidades bancarias que non colaboren para frear o drama social dos desafiuzamentos.

A banca, principal impulsora da burbulla inmobiliaria tamén saca tallada económica do seu estoupido

A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pon diante dun drama social de dimensións preocupantes. Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente. A voracidade dos bancos non se satisface cos casos dramáticos de familias e persoas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fóra do seu fogar. Con casos tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros.

Os galegos e galegas sufrimos tamén este drama. Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.

Para os nacionalistas nin PSOE nin PP teñen credibilidade para solucionar o problema dos desafiuzamentos despois de negar solucións en función da súa presenza ou non no goberno do Estado

O BNG considera que nin PSOE nin PP teñen credibilidade para solucionar o problema dos desafiuzamentos con garantías de éxito para as persoas afectadas despois de ver a súa incoherente actuación en función dos seu posición como goberno ou oposición. Lembran que xa en xuño de 2011 ambos votaron en contra dun paquete de medidas impulsadas polo BNG para modificar a lei hipotecaria de 1909 e cinco artigos da Lei de Enxuizamento Civil. Neste sentido estiman que o RDL 27/2012, de 15 de novembro, de medidas urxentes para reforzar la protección a los debedores hipotecarios non é mais que un parche que non vai solucionar a maioría dos problemas e requírense medidas de moito maior calado, tal como xa se manifestaron fontes xudiciais e plataformas cidadás que traballan neste tema.
——————–
MOCIÓN PARA QUE SE MODIFIQUE A LEI HIPOTECARIA E ADOPCIÓN DE MEDIDAS SOCIAIS PARA SOLUCIONAR O DRAMA DOS DESAFIUZAMENTOS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pon diante dun drama social de dimensións preocupantes. Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente. A voracidade dos bancos non se satisface cos casos dramáticos de familias e persoas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fóra do seu fogar. Con casos tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros.

Os galegos e galegas sufrimos tamén este drama. Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.

As reunións agora entre PP e PSOE non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos opuxéronse ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados. Con todo a ausencia de acordo entre PP e PSOE en relación a este tema, curiosamente sen a participación de forzas políticas como o BNG que si presentaran iniciativas sobre este tema, fixo que o Consello de Ministros aprobara o RDL 27/2012, de 15 de novembro, de medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios, tanto a xudicatura como as plataformas cidadás que traballan neste tema cualificaran a medida como un parche que non soluciona nada e pediran a reforma urxente da lei hipotecaria de 1909. De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que esixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes.

A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixentes nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións.

O BNG, ao igual que outros sectores sociais, e mesmo a xudicatura, demandan medidas lexislativas e sociais para impedir este desaforo. Medidas para atender os casos máis dramáticos, para evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema. Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que proceda á modificación da Lei Hipotecaria, que teña carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas, adoptando medidas como as seguintes:

Contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda, garantindo o aluguer social da mesma vivenda sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes.

Estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais.
Contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas difíciles como a perda de emprego ou o peche dun negocio.
Estabelecer a posibilidade de poder converter a hipoteca nun aluguer.
Estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións.
Modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 60% do valor de taxación.

2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado a seguinte medida de carácter social:

Habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas.

3. Instar á Xunta de Galiza á

– Creación dunha Oficina de Asesoramento para Familias ameazadas polos desafiuzamentos.

– Creación dunha Bolsa de Vivenda Social, esixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.

4. Remitir este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e grupos parlamentares do Congreso e Parlamento de Galiza.

5. Instar á Alcaldía a adopción das seguintes medidas:

– Creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Estudando a posibilidade de axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.

– Interesar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento.

– No suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, na medida que sexa posíbel e non prexudique aos veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.

Exit mobile version