Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide á Xunta que non aplique o copagamento ao servizo de ambulancias

O BNG DA MARIÑA PIDE Á XUNTA QUE NON APLIQUE O COPAGAMENTO AO SERVIZO DE AMBULANCIAS

Antonio Veiga acusa ao Partido Popular de pretender atrancar o acceso ao sistema sanitario aos colectivos máis vulnerábeis

“Moitos enfermos crónicos e oncolóxicos deixarán de acudir ao hospital para recibir o seu tratamento porque xa non teñen de onde sacar para seguir pagando impostos e servizos que deberan ser gratuítos”

A Mariña, 14 de decembro de 2012. Antonio Veiga, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego na comarca da Mariña, lamenta a deriva na que está entrando a sanidade pública a causa das políticas de recorte do Partido Popular e pide ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non aplique o repagamento ao transporte en ambulancias atendendo ás sigularidades demográficas de Galiza.

Neste senso, o responsábel da formación nacionalista, explica que “o traslado en ambulancia que o Goberno do Estado, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, tacha de non urxente, é empregado por enfermos crónicos e oncolóxicos que precisan acudir a un centro hospitalario para recibir un determinado tratamento imprescindíbel para manter a súa saúde e a súa calidade de vida.”

“Se ao perfil dos usuarios e usuarias de ambulancias – continúa Veiga- lle engadimos as altas taxas de paro que padece o país, a redución dos salarios e a conxelación das pensións, queda claro que o obxectivo do Partido Popular é limitar o acceso aos servizos sanitarios privatizando o sistema e que soamente poidan acceder á sanidade as persoas con altos ingresos. Ao ter que pagar polo transporte en ambulancia moitos enfermos deixarán de acudir ao hospital porque non teñen máis de onde sacar para seguir pagando impostos e servizos que deberan ser gratuítos.”

Dende o BNG recordan que a esta medida que vén de anunciar o Goberno do Estado hai que sumarlle o copago de menciñas e ortoprótesis que inclúe a nova lei de sanidade na que traballa o Executivo o presidente Rajoy. “O Goberno non pode seguir pedindo máis esforzos aos galegos e galegas que menos teñen” – conclúe Antonio Veiga.

Exit mobile version