Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG ve falta de xestión, iniciativas e proxectos de futuro do equipo de goberno do PP en Burela

MÁIS DO MESMO NOS ORZAMENTOS DE 2013 E XESTIÓN NEFASTA PARA A CONSTRUCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL EN BURELA

No Pleno Municipal que se celebrou este xoves en Burela, comprobamos unha vez máis a falta de xestión, iniciativas e proxectos de futuro do equipo de goberno do PP en Burela.

Neste Pleno extraordinario houbo dous asuntos importantes que evidenciaron, como diciamos antes, a nula xestión do PP no Concello: uns orzamentos municipais que non aportan ningunha iniciativa nova de futuro e unha xestión nefasta para a construción dunha nova escola infantil en Burela.

Polo que se refire aos orzamentos municipais, dende o BNG consideramos que se trata duns orzamentos engordados no capítulo de ingresos porque se fai unha previsión á alza de moitos conceptos que non responden á realidade socio-económica da nosa vila. Prevese ingresar 30.000 € polo novo imposto de plusvalías, que acaba de implantar o PP no noso concello, nunha situación real de auténtico parón na compra-venda de solares ou pisos; prevese vender (nós diríamos que malvender) terreos municipais na urbanización de Torrentes por valor de 140.000 € cando o mercado urbanístico está paralizado; e prevese ingresar noutros conceptos ou taxas municipais cantidades que están moi alonxadas do realmente recadado o ano pasado nestes mesmos conceptos. En resumo, unha previsión de ingresos á alza que, ao noso entender, non está xustificada pola realidade económica de Burela.

E polo que se refire ao capítulo de gastos: investimentos ridículos en vías e obras e ningún proxecto novo e ningunha iniciativa de futuro. Continuismo total e absoluto na parálise da vida social, cultural e deportiva, continuismo (e incluso merma) nos proxectos sociais que xa inciaramos no anterior goberno municipal e nada máis.

O que si é de salientar é unha partida de gastos que si se incrementa substancialmente: é a partida referida aos gastos do sr. Alcalde. Como xa denunciaramos hai tempo, o sr. Alcalde viaxa moito (non sabemos para que porque aínda non deu resposta á nosa demanda de explicación sobre os seus gastos en dietas) e parece que non lle chegaron os cartos que gastou este ano 2012 nas súas excursións porque para o ano 2013 o apartado de dietas, gastos diversos, publicidade e propaganda e atencións protocolarias do sr. Alcalde nos vai custar 12.000 € no ano 2013. Aquí si que aumentan os gastos, aquí si que hai unha partida orzamentaria clara e, sen embargo, para os convenios coas asociacións e colectivos sociais, culturais e deportivos o Alcalde di que se fará se se pode…

Polo que se refire ao segundo punto importante, a construción da nova escola infantil de Burela, dende o BNG consideramos que o equipo de goberno do PP está facendo unha nefasta xestión deste tema porque nos vai supoñer a todos os veciños e veciñas de Burela un custo altísimo. En principio, vaise vender patrimonio municipal en Torrentes para despois ter que mercar terreo noutro sitio para construír a nova escola. E, en segundo lugar, a aportación económica que vai ter que facer o Concello de Burela para esta nova escola vai ser de máis de 200.000 € e os terros á parte. Hai que lembrar que esta nova escola infantil é posible grazas a un acordo de 2011 entre o Ministerio de Educación e a Xunta de Galiza. Segundo este acordo o Ministerio aportaría o 50 % do orzamento e a Xunta e os concellos onde se construirán novas escolas infantís o outro 50%. Sen embargo, aquí en Burela a Xunta de Galiza obríganos a aportar o 40% da obra (os máis de 200.000 € dos que falaba antes e os terreos a maiores).

Dende o BNG dicimos si á construción dunha nova escola infantil en Burela porque é unha necesidade manifesta. Pero non así: non, aportando o 40 % do orzamento e non, tendo que vender solares en Torrentes para despois construír a escola infantil noutros terreos que haberá que mercar.

Este é o resumo do Pleno Municipal de Burela: uns orzamentos para 2013 onde o que máis sobe son os gastos do Alcalde e nada máis e unha xestión da nova escola infantil que deixa moito que desexar.

Exit mobile version