Site icon Crónica3.com A Mariña

O Colectivo Cultural Ollomao pon o peche a 2012 cunha intensa fin de semana en Barreiros

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO DESPIDE O ANO CUNHA FIN DE SEMANA REPLETA DE ACTIVIDADE CULTURAL EN BARREIROS

O sábado terán lugar as Xornadas de Historia Local e o domingo, recibirán ao Apalpador do Courel que vén visitar ás nenas e nenos barreirenses.

Barreiros, 28 de decembro de 2012. O Colectivo Cultural Ollomao pon o peche a este 2012 cunha intensa fin de semana na que Barreiros poderá disfrutar da historia local e tamén de parte da historia galega coa visita do Apalpador.

O colectivo barreirense ten organizadas para a tarde do sábado, a partir das 16:30 nas escolas de Celeiro de Mariñaos, a segunda edición das xornadas de historia local. Nesta ocasión, pechando todo un ano de actividades en torno aos ríos e, especialmente, ao Masma; quixeron adicar estas xornadas ao principal río que atravesa o concello de Barreiros. Por iso, as xornadas comparten nome (Ao Son do Masma) co festival que botou a andar no verán deste mesmo ano de man de Ollomao e Tumba e Dálle.

Nestas xornadas, contarán con poñentes que falarán de proxectos de desenvolvemento dos ríos en xeral, coma Manuel Soto, Catedrático da Universidade da Coruña e adicado profesionalmente ao estudo dos ríos e Francisco García, Alcalde de Allariz, concello no que se ten desenvolvido un interesante proxecto arredor do río Arnoia. Pero ademais, o carácter local das xornadas estará marcado por unha exposición sobre o río Masma e unha mesa redonda, conducida polo xornalista e membro de Ollomao, Camilo Friol, e na que participarán Javier Fraga, veciño de Celeiro; Jesús Fernández, cronista oficial de Foz; Audítor Rodríguez, presidente da Asociación de Pescadores do Masma e Francisco Salvatierra, ex-traballador da fábrica de luz do Masma.

Exit mobile version