Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela anuncia que o 17 de decembro comeza o obradoiro de emprego para 15 persoas

O VINDEIRO LUNS, 17 DE DECEMBRO, COMEZA A IMPARTIRSE O OBRADOIRO DE EMPREGO FARO DE BURELA IV. QUINCE DESEMPREGADOS FORMARÁNSE NO CAMPO DA AXUDA A DOMICILIO. GONZÁLEZ BARCIA LEMBROU QUE AS ACHEGAS DA XUNTA AO CONCELLO PARA A CREACIÓN DE EMPREGO AO LONGO DESTE ANO ASCENDERON A 476.000 EUROS.

Burela, 13 de decembro de 2012. Quince desempregados asistirán desde o vindeiro luns ao obradoiro de emprego Faro de Burela IV que esta mañá se presentou no Concello. Durante seis meses formaranse no campo da axuda a domicilio. O alcalde, José Mª González Barcia, pídelles o máximo interese, dedicación e esforzo e subliñou que “desde o Concello intentaremos por tódolos medios que atopen un posto de traballo”.

O rexedor explicou que “dito obradoiro está destinado este ano a formar persoas desempregadas no campo da axuda a domicilio. En total van participar como alumnos 15 persoas paradas, a inmensa maioría de longa duración con cargas familiares, é dicir con situacións máis que preocupantes a nivel laboral. Ademais hai tres docentes: unha persoa que vai impartir á área sanitaria, outra persoa que impartirá aqueles apartados que teñen que ver con aspectos vinculados co traballo social e unha terceira docente que ademais de facer as labores de administrativa vai impartir os temas transversais”.

Os 15 desempregados que participarán no obradoiro a partires do vindeiro luns, 17 de decembro, asistiron hoxe no salón de plenos do Concello á presentación do mesmo. González Barcia relatou que “hoxe se lles explicou que van cobrar un soldo durante eses seis meses. Polo tanto o que lles pedimos, tendo en conta que no campo da axuda a domicilio hai un certo potencial en canto a poder atopar emprego, que poñan o máximo interese, dedicación e esforzo para formarse o mellor posible tendo en conta que ademais de cobrar ese soldo a final de mes, un salario que anda sobre os 650 e os 700 euros líquidos, van recibir unha formación que lles vai permitir ter un título homologado concedido pola Xunta de Galicia con todo o rigor e ao mesmo tempo van recibir un certificado de profesionalidade, co cal van estar perfectamente acreditados para poder traballar neste campo”.

O obradoiro empeza o próximo luns, día 17 de decembro, e vai rematar a mediados do mes de xuño, con unha duración total de seis meses.

O equipo de goberno agarda que os asistentes ao obradoiro saiban aproveitar esta oportunidade, “nosoutros confiamos en que as persoas que asisten como alumnos a este curso saiban sacar partido deste período de formación e despois evidentemente poñeremos a súa disposición os mecanismos e as ferramentas que ten o Concello de cara a poder encontrarlles inserción laboral, porque deso tamén se trata. É dicir, o obradoiro evidentemente ten un obxectivo básico e fundamental, que é formar persoas desempregadas, pero ao mesmo tempo si estamos dándolles unha formación específica temos que ter en conta que se iso se fai así é porque queremos que encontren emprego. Polo tanto no momento en que estes 15 alumnos rematen a súa formación no obradoiro nosoutros, a través dos axentes de emprego que temos no Concello, intentaremos por tódolos medios que atopen un posto de traballo, ben na empresa privada ou ben na rama pública, e que o encontren canto antes para solucionar precisamente esa situación de desemprego na que se atopan agora mesmo”.

O alcalde lembrou que “a achega que a Xunta dá para levar a cabo este obradoiro de emprego é de 133.000 euros, unha cifra importante, pero máis importante aínda é a cifra total que a Xunta de Galicia ten destinada ao Concello de Burela durante o ano 2012 para a creación de postos de traballo ou para formación de desempregados. Entre a achega da Xunta para o Grumir, para os socorristas, para a contratación de axentes de emprego, para os cursos de formación que duraron catro meses e que permitiron formar a 60 persoas desempregadas en catro cursos distintos e a achega que fai a este obradoiro a Xunta ao longo do ano ten aportado ao Concello de Burela 476.000 euros, que é un cifra moi importante”.

O equipo de goberno do Concello de Burela continuará nesta liña de traballo, “porque entendemos que é seria, rigorosa e que demostra a implicación que o equipo de goberno do Partido Popular, nesta época e na anterior, tivo pola formación dos desempregados. Convén recordar que o Centro de Formación Ocupacional púxose en marcha en Burela da man dun equipo de goberno do Partido Popular no ano 1996 e a partires dese momento coa homologación correspondente téñense formado infinidade de persoas e no seu momento logrou unha inserción laboral altísima, practicamente dun 90 por cento. Polo tanto tendo en conta que esta liña entendemos que é a positiva, seria e rigorosa para paliar, na medida das posibilidades que ten o Concello, esta lacra que se chama desemprego. E precisamente por iso vamos continuar con esta liña de actuación, porque nos parece a máis rendible, a máis interesante e a máis beneficiosa para que os desempregados encontren traballo”.

No acto de presentación desta mañá estiveron xunto ao alcalde, a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, e o concelleiro de Emprego, José Casas.

Exit mobile version