Site icon Crónica3.com A Mariña

O Foro do Camiño Primitivo acudirá á UNESCO para denuncia a delimitación fraudulenta do itinerario máis antigo de Compostela

O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO ACUDIRÁ Á UNESCO E A ICOMOS-ESPAÑA PARA DENUNCIAR A DELIMITACIÓN FRAUDULENTA DO ITINERARIO MÁIS ANTIGO A COMPOSTELA

-A Xunta négase a recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal e deixa fóra de protección máis dun cento de elementos patrimoniais asociados ao primeiro Camiño a Compostela.

-O FORO pediralle á UNESCO que condicione a declaración do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade á protección, recuperación e posta en valor da súa vía orixinaria.

Lugo, a 13 de decembro de 2012.- Ante a extrema gravidade e irresponsabilidade que implica a recente aprobación por parte da Consellaría de Cultura dunha delimitación definitiva do Camiño Primitivo de Santiago, repetidamente rexeitada e rebatida polo parecer experto de investigadores e organizacións culturais, ambientais e académicas ao longo dos últimos vinte anos, o FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO denuncia perante a opinión pública as artimañas utilizadas pola Xunta para enmascarar un proceso de delimitación perverso no que se evidencia a falta dun estudo de campo, a negación da historia a favor dos feitos consumados e a incompetencia e insensibilidade dos organismos implicados, empezando pola Subdirección Xeral de Patrimonio Cultural dirixida por dona María Diz.

Este proceso foi iniciado ás agachadas, en pleno período vacacional de Agosto, e concluído agora, de xeito repentino, por parte do Consello da Xunta, no mesmo día en que se envía a resposta ás alegacións presentadas polos numerosos colectivos e personalidades que integran este FORO. Nesta, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeita a totalidade dos centos de alegacións fundamentadas e presentadas polo FORO, agás dous puntos de carácter residual, para o que utiliza un ton despectivo, que roza a ofensa e impropio dunha Administración pública. Ao mesmo tempo, o departamento dirixido por Xosé Manuel Rey Pichel, incorre en varias contradicións sobre os criterios e a metodoloxía utilizada para delimitar o Camiño Primitivo e mente sobre a “imposibilidade” de recuperar os treitos desviados ou a “prohibición” da UNESCO neste sentido.

Así pois, deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria, “legalizando” ao mesmo tempo outros tantos quilómetros de itinerario falsificado cuxo desvío corresponde a intereses particulares e ilexítimos. Este proceder constitúe unha estratexia infame por parte da Xunta que tenta confundir interesadamente os conceptos de territorio “irrecuperable” co que está simplemente “apropiado” ou “ocupado”, para poder eludir a súa responsabilidade pública na recuperación dos treitos usurpados e na protección do territorio histórico asociado ao camiño.

Esta metodoloxía espuria vulnera a Lei de Protección dos Camiños de Santiago onde se contempla a historicidade como elemento esencial da súa determinación legal e pretende ocultar a ocupación da calzada orixinaria e o seu desvío a estradas e vías pecuarias en lugares tan emblemáticos e reivindicados como a conexión Bascuas-Carballido, hospital de Gondar, Soutomerille, Mesón de Fraiás, enlace Castroverde-San Miguel do Camiño ou Cádavo-Vilabade, Vilalle, Campo da Matanza, A Fontaneira, Hospital de Montouto-Paradavella, Vilardongo, acceso á Fonsagrada, Pena Ferrada (Toques), San Xoán do Alto, San Vicente do Burgo, San Romao da Retorta, entrada en Melide polo Camiño da Martagona e un longo etcétera.

Á vez, fican fóra de catalogación ou do territorio histórico protexido máis dun cento de elementos patrimoniais chave no devir da vía primitiva, como o monumento de Santa Olaia de Bóveda, hospital de San Martiño de Bolaño, San Lázaro en Castroverde, casa do Hospital de Gondar, Cova da Valiña, igrexa de refuxio da Esperela, vía XIX por Guntín de Pallares, etc.

Por tanto, a aprobación definitiva desta fraudulenta delimitación oficial ten unhas consecuencias funestas: arruína o ímprobo esforzo colectivo de recuperación do primeiro e máis antigo itinerario histórico a Compostela desde hai máis de 20 anos; premia os invasores do noso patrimonio camiñeiro, consolida con recursos públicos a ocupación do itinerario orixinario e a destrución do seu territorio histórico e bens asociados; e pon en risco a candidatura da vía primitiva a Patrimonio da Humanidade.

Á vista desta delimitación tramposa e trapalleira que obvia a documentación histórica e denigra o valor cultural do primeiro dos camiños xacobeos e a falta de vontade da Xunta de permitir un proceso aberto de participación pública e activa da sociedade, o FORO DO CAMIÑO reafirma o seu compromiso coa recuperación e promoción integral da vía primitiva e manifesta a súa decisión de formular, non só os recursos legais contemplados no noso ordenamento xurídico, senón tamén de comparecer ante os organismos internacionais da UNESCO, do seu Comité do Patrimonio Mundial e de ICOMOS-España, aos que solicitará formalmente que condicionen a declaración do Camiño Primitivo de Santiago como Patrimonio Mundial á delimitación obxectiva e á recuperación da traza histórica do Camiño alí onde o permiten as fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis. Demandarase á UNESCO que retrase tal decisión en tanto a Xunta non respecte os criterios de integridade e autenticidade que presiden os expedientes de inclusión na listaxe de Bens da Humanidade, corrixindo esta delimitación subxectiva baseada en intereses que nada teñen a ver co rigor científico que o caso demanda.

Exit mobile version