Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela contesta ás críticas da oposición con descualificacións

“OS SOCIALISTAS DIN UNHA COUSA E FAN A CONTRARIA”, AFIRMA O EQUIPO DE GOBERNO BURELÉS. OS POPULARES LEMBRAN QUE TIVERON QUE PAGAR FACTURAS DE ALUMEADO DO NADAL DE 2010 E ENGADEN QUE “CANDO DEUS CREOU A LUZ, OS SOCIALISTAS XA DEBÍAN DOUS RECIBOS”.

Burela, 12 de decembro de 2012. O Equipo de Goberno do Concello de Burela saíu hoxe ao paso do manifestado estes días polo PSOE local, dicindo que “as receitas socialistas levaron ao concello a unha situación de caos económico, tendo que pedir un crédito dun millón cen mil euros para que entre todos paguemos en dez anos o que eles derrocharon en tres”.

Desde o Equipo de Goberno burelés aseguran que “se se lles fai caso aos socialistas, xa sabemos a onde nos poden conducir. No caso do alumeado de Nadal, o ano pasado non se puxo por varias razóns: porque non había cartos para pagar; porque se lle debían a empresa do alumeado as festas de Nadal do ano 2010 e as festas patronais do 2011, e porque cando o PP chegou ao Concello debíanse oito meses de subministro eléctrico, facendo bo aquilo de que cando Deus inventou a luz, os socialistas xa debían dous recibos. Como son uns manirrotos, gastaron o que non tiñan, e agora pagamos a súa festa entre todos cando deberían ser eles os que pagaran o que se quedou a deber”.

Para o Equipo de Goberno burelés, “as receitas socialistas demostran que onde son oposición din unha cousa e cando gobernan fan a contraria. En Burela din o que din, pero na Deputación hai oito deputados provinciais cobrando dedicacións exclusivas de 51.000 euros anuais cada unha, e nin se lles ocorre reducir nin un só euro. Gómez Besteiro disporá en 2013 de dous millóns de euros en autopropaganda e os socialistas calan a boca. Xa postos, algún sindicalista podía renunciar ás súas horas de libre disposición e traballar máis para sacar ao país adiante, e algún político podía renunciar ao que gana na Deputación e repartilo entre os que o necesitan, en vez de saír da casa ás doce da mañá”.

O Grupo de Goberno do PP tamén manifesta que “a auditoría enerxética vainos servir para saber exactamente onde e como podemos aforrar enerxía eléctrica. O bipartito plantexouse facer unha no seu momento, pero en vez de facela gastaron un millóns de euros en faroliñas de deseño de 2.300 euros cada unha que á mínima se torcen, como podemos ver en Arcadio Pardiñas, pero esquecéronse de cambiar as luminarias para aforrar realmente enerxía. Maior mostra de cinismo xa é imposible”.

Finalmente, o Equipo de Goberno do PP manifesta a súa intención de continuar na liña de contención do gasto que se está a seguir, para non gastar o que non se ten e pagar o que se debe. E pídelle ao PSOE que “se quere ser alternativa real de goberno, ten que plantexarse facer outro tipo de oposición, porque con mensaxes coma ese, e tendo en conta o que eles fixeron, a xente non se fía deles, como o demostran os últimos resultados electorais. Dicir unha cousa e facer a contraria non é exemplo a seguir”.

Exit mobile version