Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Burela explica que un mesmo traballo faino mellor un titulado superior que un diplomado

O EQUIPO DE GOBERNO SINALA QUE O CONCELLO TIVO QUE PAGAR NOS ÚLTIMOS CINCO MESES 60.000 EUROS “PARA ARRANXAR AS CHAPUZAS DO BIPARTITO”.

Burela, 1 de decembro de 2012. O Concello tivo que pagar nos últimos cinco meses 60.000 euros “para arranxar as chapuzas do bipartito”, segundo subliñan desde o equipo de goberno, que resposta ás críticas vertidas nos últimos días polo PSOE nas que acusaban ao alcalde de ter despedido a unha traballadora por motivos políticos.

Desde o equipo de goberno explican que “a persoa á que se refiren os socialistas contratouse a principios de decembro de 2007 mediante unha subvención, que tiña vixencia dun ano. No momento en que se contratou esa persoa formaba parte do comité executivo local do Partido Socialista. Ela acabou o contrato e o bipartito renováballe automaticamente o contrato en 2008, en 2009 e en 2010 sen ningún tipo de selección previa, aínda que a subvención era só por un ano”.

Os populares entenden que “a renovación automática do contrato quería provocar que esta persoa, chegado o momento, puidese acceder a un posto de traballo fixo no Concello sen ter que pasar por un proceso selectivo”.

Sinalan desde o equipo de goberno de Burela que “no ano 2011 acabouse a subvención e non se lle renovou o contrato, porque é o máis lóxico. Como esa subvención é para ano o lóxico é que cando se acaba se abra un novo proceso de selección. E ademais nosoutros entendemos no seu momento que unha persoa que tivese un título superior universitario podería facer mellor o seu traballo que unha persoa cunha diplomatura. Non temos nada en contra de que esta señora poida optar a un posto de traballo, faltaría máis, nin porque sexa do PSOE nin por sexa do PP. Se vale, vale, pero nós entendemos no seu momento que sempre será mais capaz para facer ese traballo unha persoa licenciada universitaria que unha persoa diplomada”. E subliñan “o que nós fixemos é escrupuloso: acabouse a subvención, rescíndese o contrato e punto. Eles fixeron ao contrario: renovaron automaticamente o contrato desta persoa para provocar deliberadamente que accedese a unha praza como persoal fixo do Concello sen pasar previamente por un proceso de selección. E nese momento esa persoa seguía ser membro do comité executivo do PSOE”.

O equipo de goberno entende que “o PSOE actúa con motivo cinismo e hipocrisía porque foron eles os que provocaron esta situación. Se a esta persoa non se lle renovara, tal como eles fixeron, non estaríamos na situación en que estamos. Iso é así”.

“Sona un pouco chocante que o Partido Socialista critique aos demais cando eles, durante o bipartito, tiveron que indemnizar con 22.000 euros a unha persoa que estaba traballando no Concello como educadora familiar. Entón neste sentido hai que ser un pouco ecuánimes”, seguen a relatar desde o equipo de goberno do Concello de Burela, que indica que “a política laboral do bipartito xa sabemos en que consistía: hai unha persoa na escola municipal de música que tamén en principio ten unha praza de carácter indefinido no Concello precisamente porque no seu momento o equipo de goberno bipartito non recorreu unha sentenza xudicial. E dáse a circunstancia de que esa persoa ten afinidade familiar con membros do Partido Socialista. Entón que non nos veñan contando milongas, criticar aos demais cando ti tes moito que rascar é unha mostra enorme e descarada de cinismo e de hipocrisía”.

O equipo de goberno desvela máis dato, “falando de indemnizacións agora imos dicir máis: por culpa dun convenio laboral mal redactado polo alcalde, Alfredo Llano, o Concello tivo que indemnizar a un traballador con 30.000 euros, cando resulta que quen levou a negociación dese convenio foi o señor Llano e tamén nos atopamos con esa situación provocada por eles. E outra cousa máis: o Concello tivo que devolver fai pouco tempo case 13.000 euros ao Goberno Central por un incumprimento do plan E levado a cabo polo señor Llano. Estas formas de facer as cousas do Partido Socialista provocaron que en cuestión de cinco meses teñamos que poñer enriba da mesa da orde de 60.000 euros polas chapuzas destes señores. Porque a situación que eles denuncian non a provocamos nosoutros, foron eles. E o do plan E e o da redacción do convenio colectivo tamén o provocaron eles. Entón que non nos veñan con contos”.

Exit mobile version