Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio pola Igualdade di que a denuncia sobre o Hospital da Costa atende ao coñecemento de diferentes casos

COMUNICADO URXENTE DO OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE,

EN RELACIÓN Á POLÉMICA XERADA TRAS A NOTA DE PRENSA ENVIADA ONTE AOS MEDIOS SOBRE A VULNERACIÓN DOS DEREITOS DAS EMBARAZADAS NO HOSPITAL DA COSTA DE BURELA

01/12/2012, 14.00h.

En resposta á información publicada no suplemento A Mariña, do xornal El Progreso, con data 1 de decembro de 2012, sobre a vulneración dos dereitos das pacientes embarazadas no Servizo de Obstetricia do Hospital da Costa de Burela (segundo o contemplado na Lei 41/2002 do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, BOE núm. 274, do 15-11-2002) denunciada onte polo Observatorio da Mariña pola Igualdade nunha nota de prensa enviada aos medios de comunicación de todo o país, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade desexamos manifestar os seguintes puntos:

No día de onte, 30 de novembro, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI) enviáronse dúas notas para os medios de idéntico contido, agás no caso da seguinte frase aparecida unicamente na primeira nota: “Consideramos moi graves estas situacións xa que están nacendo nenos/as con malformacións que son coñecidas pola nai no momento de naceren ou mesmo casos nos que morre o bebé e a nai sen que antes se informara de ningún problema”. Tras o envío da primeira nota, reparouse en que pola súa redacción ambigua esta frase podería levar a interpretacións erróneas nas que se deducise que as situacións se referían directamente ao Hospital da Costa. Lonxe diso, ao mencionar estes casos, desde o Observatorio tratábamos de alertar sobre como a vulneración dos dereitos das pacientes embarazadas pode desembocar en situacións fatais, tal e como a acontecida en Irlanda en novembro, no que unha muller de 31 anos morreu logo de lle negaren o dereito a abortar un feto inviábel (véxase noticia en El País, 14/11/2012, http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/11/14/actualidad/1352919338_098702.html )

Constatada a redacción inapropiada, desde o Observatorio procedeuse inmediatamente ao envío dunha segunda nota na que se eliminaba a frase en cuestión, e se advertía aos medios explicitamente do cambio de redacción, facilitando tamén contactos telefónicos directos para calquera aclaración posterior. Deste xeito, entendemos que na información recollida na noticia publicada polo medio anteriormente mencionado realizase unha interpretación inapropiada da afirmación “casos nos que morre o bebé e a nai sen que antes se informara de ningún problema”, da que o OMI non participa.

A denuncia realizada polo Observatorio da Mariña da Igualdade non debe entenderse, en ningún momento, como un ataque contra o Hospital da Costa nin contra o conxunto de traballadoras e traballadores. Moi ao contrario, desde o Observatorio somos conscientes do bo facer xeneralizado do persoal sanitario á vez que facemos unha defensa firme da sanidade pública e de calidade. Non obstante, tamén esiximos que desde a sanidade pública, e especialmente no Hospital da Costa, sendo o hospital de referencia para todas as mariñás:
se ofrezan todas as prestacións sanitarias incluídas na carteira de servizos regulada por lei, incluída a interrupción voluntaria do embarazo,
se garanta que corresponde unicamente ás mulleres embarazadas tomar as decisións sobre o futuro dos fetos e a posibilidade de interromper ou non os seus embarazos,
se garanta que corresponde ás/aos profesionais médicos trasladar ás pacientes toda a información sobre o estado dos fetos, de forma profesional, veraz e á marxe de consideracións doutro tipo.

O comunicado enviado onte desde o noso colectivo atende ao coñecemento de diferentes casos, trasladados ao Observatorio por algunhas persoas que os padeceron, nos que as mulleres embarazadas foron advertidas dos graves problemas que presentaban os fetos non nos exames médicos realizados no Hospital da Costa, senón posteriormente noutros centros sanitarios ou por parte doutro persoal médico.

Algunhas destas fontes pediron expresamente confidencialidade para evitar represalias. Con todo, outras fontes amosaron a súa disposición a falar publicamente sobre a vulneración dos seus dereitos como pacientes sufrida no Hospital da Costa, onde no servizo de Obstetricia non se lle detectou unha malformación grave no feto que levaría á súa inviabilidade, mentres que a simple lectura da ecografía por outro persoal sanitario (mesmo por persoal sanitaria non especialista en xinecoloxía e obstetricia) si detectou esta malformación

Exit mobile version