Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a súa Axenda Feminista 2013 dedicada ás escritoras galegas

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a súa Axenda Feminista 2013 dedicada ás escritoras galegas

As presentacións terán lugar en Viveiro, Ribadeo e Compostela

Despois do éxito e boa acollida que tiveron as dúas edicións anteriores das Axendas Feministas do Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicadas no 2011 ás reivindicacións pola igualdade aínda pendentes e, no 2012, ás músicas galegas, o Observatorio presenta a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”.

“Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…” é unha homenaxe ás escritoras galegas. Para visibilizar o seu traballo, e dalgún modo tamén dalo a coñecer, cada mes da axenda está encabezado por unha das nosas moitas escritoras, cunha foto delas e un texto que concibiron e redactaron expresamente para a axenda. Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e a mariñá Eva Moreda conforman a Axenda Feminista do Observatorio para o 2013.

As presentacións da Axenda Feminista 2013 terán lugar:

Sábado 8 de decembro, ás 12.30h, na Libraría Porta da Vila de Viveiro (por confirmar a presenza de Carmen Blanco).
Sábado 8 de decembro, ás 20.30h, na Libraría Casa das Letras de Ribadeo (por confirmar a presenza de Carmen Blanco).
Venres 14 de decembro, ás 20.30h, na Libraría Lila de Lilith en Compostela, coa presenza confirmada de Begoña Caamaño, Aurora Marco e Carmen Blanco.

Este ano a Axenda preséntase nun formato A5, con tapas duras deseño da artista ribadense Andrea Lombardía, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. Ademais dos textos de cada escritora tamén se poderá atopar na axenda a bibliografía de cada unha delas con toda a súa obra en galego, datas relevantes para o movemento feminista que decote pasan desapercibidas noutros almanaques, páxinas de notas, ou o calendario menstrual 2013.

O prezo da axenda é de 10 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 8 euros) e se pode atopar nos seguintes puntos de venta:

Ribadeo: Libraría Casa das Letras, Libraría Bis a Bis e Tenda de Calidade Guidán.

Foz: Libraría Bahía.

Burela: Libraría Espacio Lector Nobel, Libraría Atril (no parque) e Comercial Auma (onde a Igrexa)

Viveiro: Libraría Porta da Vila

Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith

A xente que o desexe tamén se pode poñer en contacto co Observatorio da Mariña pola Igualdade a través da páxina web (www.observatorioigualdade.org), do facebook, do mail observatorioigualdade@gmail.com ou do teléfono 627.037.668 para mercar a súa axenda. Fanse envíos por correo postal.

Exit mobile version