Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo utiliza o Museo do Mar como ferramenta política

O PP de Cervo utiliza o Museo do Mar como ferramenta política para esconder as súas propias incapacidades

Hai quen utiliza como guía de condución para transitar polos camiños da xestión institucional a demagoxia política, as medias verdades, a derivación de responsabilidades propias e o boicot sistemático contra o opoñente político para convertelos en corredoiras enlamadas que acaban por ter consecuencias de nefastos resultados. Esta ven sendo a guía de condución dos responsábeis políticos do PP en Cervo con exemplos prácticos como a desfeita urbanística dos anos 2005 a 2009 coa destrución parcial do Castro da Atalaia, un convenio urbanístico que deixou 1,3 millóns de débeda no concello, chapuzas como o “mamotreto” do faro que non se sabe para que serve ou a imposibilidade de preservar espazos dotacionais no entorno do Museo do Mar; un problema de actualidade hoxe que ben podería estar solucionado fai tempo, como tantos outros, si o goberno local no canto de dedicarse durante anos á promoción inmobiliaria fixera os seus deberes impulsando o Plan Xeral de Ordenación Municipal(PXOM) e non paralizalo como así foi se segue sendo.

Cando este goberno municipal responsabiliza á oposición de tódolos males que suceden no concello de Cervo, e faino sistematicamente, pode funcionar como estratexia política durante un tempo pero xa non serve despois de trece anos de xestión, con ese “botar balóns fora” non está mais que asumindo a propia incapacidade, tamén na ampliación do Museo do Mar cando preferiron mergullarse no esbaradizo terreo inmobiliario no canto de ordenalo cun PXOM aprobado que deixaría os terreos anexos como solo dotacional para protexer unha futuríbel ampliación. Tampouco di moito positivo dos nosos gobernantes municipais o seu escandaloso silencio gardado cando os seus compañeiros de filas na Deputación negaron en maio de 2005 calquera posibilidade de compra desa parcela por parte do ente provincial, como tampouco hai moito de positivo na incoherente petición do actual alcalde nun pleno municipal de outubro de 2007 esixindo á mesma entidade provincial xustamente o mesmo que o seu partido político negou dous anos antes, iso si, facíase diante dun novo goberno na Deputación xa gobernada pola coalición BNG- PSOE.

Ausencia de iniciativa de quen nunca considerou buscar axudas económicas doutras administracións, nin da Xunta nin do Estado nesa ansiada ampliación da primeira pinacoteca dedicada ao mundo do mar do noso país, falta de interese de quen sendo gobernante da institución municipal titular deste espazo que di protexer, nin se molesta en buscar vías alternativas ou complementarias que axudaran ao obxectivo perseguido, e volvemos ao inicio, os dirixentes do PP en Cervo usan a institución local mais tempo como panca de uso partidista contra a oposición política que como ferramenta ao servizo da cidadanía.

Descoñezo si o PP fixo algo mais que enturbar as relacións coa propietaria dos terreos anexos ao Museo do Mar ou boicotear cando a outros nos tocou negociar con ela, cónstame que foi así, como tamén me consta porque tiven a ocasión de estar, que a actual Área de Cultura da Deputación xestionada polo BNG fixo esforzos por chegar a acordos de compra ofertando un prezo xusto por eses terreos despois de realizar unha taxación actualizada do seu valor que non frutificaron. Sería irresponsábel coa crise que padecemos que unha administración destinase á compra deses terreos mais do dobre do que valen xusto cando a entidade provincial está asumindo gastos en política social que o goberno do Estado e a Xunta deixan de financiar. Parece evidente que o PP non entende estas prioridades e debería facelo, non parecería lóxico esixir agora que a Xunta merque os terreos do Castro da Atalaia, como fixo o Sr. Balseiro no seu día, teño por seguro que el non faría esta reflexión se o goberno galego fose doutra cor diferente á do PP. Non parece moi coherente tampouco que cando dende a Deputación se ofrece un investimento de case 200 mil euros e 200 m2 mais de espazo expositivo para o museo cunha actuación respectuosa co entorno, a resposta do alcalde sexa despectiva e negativa.

Chegados as este punto vemos como nestes días debátese no pleno municipal un Estudo de Detalle para o solar anexo ao museo que xa foi aprobado inicialmente polo goberno local tal e como lle foi presentado pola interesada, a pesar de ter a posibilidade regulada na caduca e desfasada normativa municipal de urbanismo para decidir outra opción mais favorábel ao interese público que non é outro que a ampliación do museo, unha opción que obrigaría ao retranqueo con respecto a este. O PP parece non querer asumir a opción mais vantaxosa e déixase levar por supostas ameazas dando por bo que o interese particular está por riba do colectivo no canto de ter a valentía de afrontar o problema coa opción mais beneficiosa para o Museo. Gobernar require valentía…esa que non tivo o PP para impulsar o PXOM e evitaría este problema e valentía para enfrontarse para defender o colectivo por riba do privado.

Xoán Antón Estúa García

Exit mobile version