Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo critica a política turística do concello

Os populares teñen un proxecto para Mondoñedo

O PP di que o goberno local perdeu cinco anos na posta en valor do turismo municipal e agora estase no momento de traballar xuntos e propoñer alternativas

A portavoz popular asegura que a situación sen precedentes que está a sufrir a localidade pide con urxencia o consenso, a suma de ideas e o traballo conxunto

Candia alégrase de que a reunión mantida con afectados polo sector turístico servise para coñecer o que está a facer o equipo de goberno local e lamenta que a falta de información dificulte sumar as ideas e traballar conxuntamente

A popular segue a reiterar a falta de compromiso e a carencia de ideas do bipartito para dinamizar a localidade e asegura que dispuxo de cinco anos para darlle forma ao plan no que din estar a traballar e do que os populares non tiñan constancia, pese a ser públicas as actuacións que dende a oposición están a promover neste senso

Os populares seguen a reiterar a vontade de dialogo cos veciños para seguir traballando nas iniciativas presentadas e que continúan a sumar apoios de hostaleiros, empresas privadas e particulares

Mondoñedo, 13 decembro de 2012.- O Partido Popular de Mondoñedo denuncia que o goberno municipal perdeu cinco anos para a posta en valor do turismo local e aseguran que agora coas declaracións nos medios o goberno local parece que se están a xustificar. A portavoz popular Elena Candia asegura que o seu partido ten un proxecto para a localidade e que o equipo de goberno non se pode molestar porque está a levar a cabo a súa función como oposición; senón que a situación sen precedentes que está a sufrir localidade pide con urxencia o consenso, a suma de ideas e o traballo conxunto.

Candia alégrase de que a reunión mantida o martes con hostaleiros, empresas privadas e veciños para informar sobre o proxecto que o PP local ten para a localidade en materia turística, servise para coñecer o que está a facer o equipo de goberno local. A portavoz popular explica que o partido traballa nun proxecto que consensúa coas veciños e pídelle polo tanto a Fernández Haro, ao que se refiren como o alcalde de feito, que “abandone a súa furna de cristal, pise a terra e dialogue cos veciños”. Os populares non teñen constancia de que as persoas que viven do sector turístico na localidade estivesen informadas sobre este plan de desenvolvemento turístico, que o bipartito asegura que presentarán en xaneiro. Candia lembra as modificacións propostas en materia de tráfico polo goberno local sen consensuar cos veciños e que logo foi necesaria a recollida de firmas para cambiala.

A popular segue a reiterar polo tanto a falta de compromiso e de procura de consenso do bipartito cos veciños, ao tempo que aseguran dende o PP que o goberno bipartito dispuxo de cinco anos para darlle forma ao plan no que din estar a traballar. Así mesmo, a popular xa amosou en varias ocasións a súa pretensión de traballo para conseguir a implicación do goberno local, “dado que hai determinadas actuacións que só eles poden facer”, polo que lamenta non ter información para traballar conxuntamente.

Pola súa banda os populares seguen a reiterar a vontade de dialogo cos veciños para seguir traballando nas iniciativas presentadas e que continúan a sumar apoios de hostaleiros, empresas privadas e particulares.

PARTIDO POPULAR

Exit mobile version