Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP non apoia a iniciativa lexislativa popular sobre a sanidade pública

No debate da iniciativa lexislativa popular sobre a sanidade pública, o portavoz Miguel Santalices dixo que “non é bo facer demagoxia nun terreo fértil e sensible alertando á sociedade inxustificadamente”

O GRUPO POPULAR ASEGURA QUE GALICIA É A COMUNIDADE QUE MELLOR RESISTE Á CRISE EN SANIDADE: SEN COPAGOS ASISTENCIAIS, SEN PECHAR HOSPITAIS E PAGANDO AO DÍA O GASTO DE FARMACIA

“Compartimos a filosofía de que gozamos dun modelo sanitario universal, público e solidario; pero pode que non compartamos as fórmulas de xestión para garantir ou conquerir a universalidade e sostenibilidade”, afirmou

Santalices indicou que “falamos do mellor sistema do mundo, pode que así sexa, pero iso non debe impedirnos que falemos dalgún dos seus problemas, como o déficit de máis de 25.000 millóns de euros do Sistema Nacional de Saúde”

Santiago, 18 de decembro de 2012.- O voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que Galicia é “a comunidade que mellor resiste o ataque traicionero e despiadado da crise” no ámbito da sanidade, xa que “non temos implantados copagos asistenciais, salvo o tradicional farmacéutico; non temos necesidade de pechar hospitais, nin centros de día, nin consultorios; e pagamos ao día a prestación farmacéutica e as nóminas dos profesionais”. No debate da iniciativa lexislativa popular sobre a sanidade pública, Santalices manifestou que “non é bo facer demagoxia nun terreo fértil e sensible alertando á sociedade inxustificadamente, nin é bo confundir copago con servizos externalizados”.

Miguel Santalices iniciou a súa intervención amosando o respecto do Grupo Popular pola Comisión Promotora da iniciativa lexislativa popular e “a súa preocupación dun aspecto tan importante como é a asistencia sanitaria pública”. “Compartimos a filosofía, que recollen na súa exposición de motivos, de que gozamos dun modelo sanitario universal, público e solidario; pero pode que non compartamos as fórmulas de xestión para garantir ou conquerir a universalidade e sostenibilidade”, puntualizou.

Sen embargo, o portavoz popular lamentou a falta de apoio da comisión promotora desta iniciativa lexislativa popular “cando só se presentaban hospitais virtuais como o de Vigo, cando non se construía ningún centro de saúde, cando se desfixo Medtec e se creou Galaria, cando se implantou o primeiro copago sanitario coa central de chamadas, cando se intentaron suprimir 30 puntos de atención continuada, cando a proposta de xestión integrada incluía a Burela na área sanitaria de Ferrol ou cando se dixo publicamente que os médicos cobraban polas altas de enfermidade”.

3.000 MILLÓNS DE EUROS MENOS DE ORZAMENTO

“Falamos do mellor sistema do mundo, pode que así sexa, pero iso non debe impedirnos que falemos dalgún dos seus problemas, como o déficit de máis de 25.000 millóns de euros do Sistema Nacional de Saúde ou unha débeda herdada en Galicia de máis de 2.500 millóns de euros que estamos pagando”, explicou o portavoz popular. Neste sentido, anotou que “isto repercute no sistema sanitario público galego, porque a nosa comunidade viu mermado o seu orzamento en 3.000 millóns de euros”.

Santalices fixo un repaso pola situación do copago asistencial en diversos países europeos, como Alemaña, Francia, Italia, Suecia ou Finlandia, destacando que só España, Reino Unido e Dinamarca non teñen implantado o capago na asistencia sanitaria.

O portavoz de Sanidade do Grupo Popular recordou que durante a pasada lexislatura “téñense adoptado medidas moi importantes en Galicia, como o catálogo priorizado de medicamentos, o abono puntual das receitas, as compras centralizadas, a xestión integrada ou o fortalecemento das competencias en materia sanitaria de Galicia, a través do non reembolso dos desempregados na prestación farmacéutica ou o posta en marcha dun programa específico para inmigrantes”.

Tamén se referiu Miguel Santalices á “aposta polas infraestruturas, coa construción do novo hospital de Vigo, a licitación do Hospital de Ourense, o equipamento do Hospital de Lugo, a aposta polos centros de saúde ou unha política de persoal razoable no contexto no que nos atopamos”. “Hai datos que demostran a eficiencia do noso sistema sanitario: un rendemento cirúrxico próximo ao 75 por cento, a xestión priorizada das listas de espera, a dignificación da saúde mental ou unha política farmacéutica razoable incluíndo as residencias da terceira idade”, anotou.

Para rematar, Santalices referiuse á construción do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, “un modelo de colaboración público-privada no que vostedes ven unha privatización e un sobrecusto”. En concreto, aclarou que “externalízanse servizos non asistenciais, non servizos de atención directa ao paciente, polo que os cidadáns no pagan por ir ao hospital”. Así mesmo, o portavoz popular cifrou o custo do hospital en 460 millóns de euros e “non a cifra de 1.200 millóns que se está facilitando e que inclúe os 700 millóns que se xa se están pagando polos servizos externalizados no complexo de Vigo”.

Exit mobile version