Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación invita ao da Xunta e das deputación a coordinar xuntos a prestación de servizos públicos

Besteiro invita a Feijóo e ós Presidentes das Deputacións a un encontro en Lugo para coordinar “xuntos” a prestación de servizos públicos

– Enterado polo medios de comunicación da reunión que mantiveron onte os titulares provinciais da Coruña, Pontevedra e Ourense para coordinar actuacións coa Xunta, o Presidente propón un novo encontro no que “se escoiten as necesidades dos lugueses”

– O Presidente da Deputación luguesa enviou hoxe cartas a Feijóo e ós seus homólogos para reunise en Lugo, aproveitando a visita dos populares á capital en xaneiro

– Gómez Besteiro defende a cooperación e o dialógo entre administracións. “Froito deste diálogo” o Presidente acadou que os Servizos Sociais, o sector agrogandeiro ou a crise demográfica se incluísen no protocolo de actuación permanente entre Deputacións e Xunta

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, convidou hoxe ó Presidente da Xunta e ós seus homólogos nas institucións provinciais da Coruña, Pontevedra e Ourense a participar nun encontro en Lugo “no que abordar, xuntos, a colaboración que debe existir entres Deputacións e Xunta para garantir servizos públicos ós cidadáns”. Así o adiantou estes venres o voceiro provincial socialista. Manuel Martínez avanzou que Gómez Besteiro fixo esta invitación mediante as cartas que este mesmo vernes o Presidente lugués enviou a Feijóo, Calvo, Baltar e Louzán, dentro da súa aposta pola cooperación entre administracións, sen distincións por cores políticas, e polo diálogo, descartando, en calquera caso, actos partidistas como o de onte”.

Martínez fixo referencia, deste xeito, á reunión institucional deste pasado xoves entre os Presidentes das Deputacións dirixidas polo Partido Popular na que acordaron, “pola súa conta e deixando ó marxe á Deputación de Lugo”, elaborar un “borrador” para fixar as prestacións que os organismos provinciais ofrecerán ós veciños en coordinación co Goberno galego. “Foi unha falta de cortesía institucional non convidar ó organismo lugués. Tivemos que enterarnos polos medios de comunicación”, explicou.

Escoitar ós lucenses

Martínez subliñou que tendo en conta que neste encontro “non se escoitaron as necesidades dos lucenses”, o Presidente da Deputación de Lugo convidou ó máximo mandatario galego e ós 3 titulares provinciais a participar nunha nova reunión na provincia lucense, aproveitando a visita que os populares realizarán á cidade de Lugo en xaneiro. Deste xeito, apuntou, “todos os galegos teremos voz nun asunto prioritario para os cidadáns, como son as prestacións públicas dende as administracións, ante os recortes que están a facer sobre as mesmas os Gobernos galego e estatal. Porque digo eu, os lucenses tamén somos cidadáns galegos e temos dereito a opinar”.

Froito do diálogo

O voceiro apuntou que a proposta que Gómez Besteiro realiza a Feijóo e ós restantes Presidentes das Deputacións en Galicia amosa que “as maneiras da institución lucense son moi diferentes ás doutras administracións. Nós dialogamos non impoñemos”. Como mostra dos “froitos deste diálogo”, Martínez subliñou que en xuño, durante a sinatura do protocolo de actuación permanente entre Deputacións e Xunta, e na que participaron o Presidente da Xunta e os das 4 Deputacións, Gómez Besteiro acadou, “dialogando”, que o financiamento dos Servizos Sociais, o sector agrogandeiro ou a crise demográfica, “como asuntos prioritarios para Lugo”, se incluisen neste protocolo. O voceiro lembrou que, en base a este protocolo e logo de 5 meses da súa sinatura, o Goberno galego adebeda a desempregados e familias lucenses 2,5 millóns de euros. É o orzamento de dous convenios que a Xunta ten pendente de asinar coa Deputación de Lugo.

Exit mobile version