Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente o PSOE de Lugo presenta propostas para o cambio ante case mil militantes

Besteiro presenta propostas novedosas para “o cambio” ante case mil militantes: “Agora é o momento de opinar”

“Hoxe estou dando un paso adiante coa miña opinión, e cando chegue o momento para decidir e comprometernos, tamén o vou dar e voume comprometer”, afirmou

O socialista propón que o Secretario Xeral do PSdeG sexa elixido coa fórmula un militante, un voto: “De que che vale ter o poder se realmente non tes a autoridade que che dan os teus?”, dixo. Mentres non cambien os estatutos, pide “un compromiso dos delegados para que voten o que decida a súa agrupación”

O secretario xeral lucense apostou pola limitación de mandatos, o cambio de orde na celebración de congresos ou por “darlle importancia ao G de Galicia nas siglas do PSdeG”, debates que se levarán a grupos de traballo abertos nas agrupacións

O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou esta mañá ante cerca dun millar de militantes que encheron o auditorio da Facultade de Veterinaria varias propostas novedosas para “construír un cambio máis necesario que nunca” de abaixo cara arriba, para facer real a máxima “un militante, un voto” e abrir o partido á cidadanía. “Agora é o momento de opinar, de que todos opinedes e querer opinar significa dúas cousas: querer ao partido, porque o sentimento é importante na política, e significa tamén asumir responsabilidade”. Besteiro pechou a súa intervención animando a participar e comprometéndose coa militancia: “Eu xa din a miña opinión, din un paso adiante, e convídovos a que disfrutedes deste momento. Cando chegue o momento para decidir e para comprometernos, eu hoxe que estou dando un paso adiante tamén o vou dar e voume a comprometer, pero quero que todos demos opinión, poñamos sentimento, razóns e ideas”.

Antes de dar a palabra aos compañeiros e compañeiras, que solicitaron case 50 intervencións, o secretario xeral lucense puxo sobre a mesa varias propostas de Partido Aberto, Goberno Aberto. Comezou xusto despois da proxección dun vídeo en homenaxe aos 30 anos desde o inicio do goberno de Felipe González. “Hoxe é un día especial, e empezamos vendo este vídeo, coa transformación que supuxo gobernar hai 30 anos. Os que estamos presentes queremos volver a ser protagonistas dese cambio, e creo que o podemos facer. Hoxe é moi importante ese cambio, case máis que no ano 82”, afirmou.

Besteiro definiu o encontro como “un formato distinto, que nin pretende ser unha asamblea nin substituír os necesarios debates” nas agrupacións locais. “Estamos para querer dar opinión e escoitar”, afirmou, antes de explicar que todo o falado neste encontro será trasladado nun documento a todas as agrupacións, para formar grupos de traballo, debate discusión e votacións. “Cremos que este formato pode dar resultado, e non debemos ter medo a equivocarnos ao utilizar estas fórmulas”, destacou.

O socialista comezou por explicar o seu concepto de Partido aberto. “Queremos estar presentes e participar na toma de decisións da sociedade, e por iso cremos na máxima un militante, un voto, para que haxa democracia real e participativa a través do voto que fai o militante”, propuxo. Esa máxima, dixo, ten que existir para elixir o Secretario Xeral a través dos militantes. “Agora mesmo non está nos estatutos, pero podemos conseguilo. Eu creo nesa fórmula”, afirmou. “Mentres iso non chega, debemos trasladar que somos capaces de que a decisión do militante sexa importante”, explicou, para o que pediu “o compromiso ético obligatorio” dos delegados, para que estes voten segundo o que opinan os membros da súa agrupación e “haxa un mandato claro da agrupacion ao votar”.

“Podemos elixir o candidato por primarias, pero os militantes non poden decidir sobre o secretario xeral, e iso non reforza o papel do secretario xeral”, argumentou Besteiro, que lanzou unha pregunta: “De que che vale ter o poder de ser secretario xeral se realmente non tes a autoridade dos teus, que emana da votación dos militantes?”

Entre as medidas propostas, o socialista apostou por darlle a volta á celebración dos Congresos, que agora se celebran “ao revés do que a lóxica parece que debera impoñer”, para establecer a participación de abaixo cara arriba, do local cara o provincial, autonómico e federal.

Tamén se mostrou partidario a esteblecer a limitación de mandatos, “que enriquece o papel da política nas institucións, e tamén desde un punto de vista persoal,porque non se fan as cousas da mesma maneira se tes un límite de tempo”. Ademais, opinou, “xenera que a canteira vaia saíndo, porque o partido ten canteira, pero hai que potenciala e fortalecela” para dar paso “ao cambio”.

Besteiro animou a discutir tamén “con responsabilidade” sobre a necesidade ou non das listas abertas, as circunscricións electorais, a reforma das Deputacións ou a coordinación entre concellos. “Temos que falar disto sen ningún tipo de temor”, dixo.

O secretario xeral lucense aposta ademais por dotar de importancia ao “G de Galicia” nas siglas do PSdeG. “Comparto a vocación federal do partido, pero tamén que ter un idioma propio, intereses propios, problemas propios, cultura propia, se reflicta no noso partido, cun galeguismo integrador como sinal de identidade”, afirmou, antes de animar aos presentes a “abrir as sedes” á cidadanía. “Hoxe está habendo en Lugo unha manifestación polas preferentes, e moitos coñecemos xente afectada, compartimos estes problemas que debemos sentir como nosos, porque é o único xeito de estar na sociedade de forma máis activa e sobre todo sentida”, dixo.

Na parte referida ao Goberno aberto, Besteiro lembrou que o PSOE é “un partido de Goberno, con vocación de Goberno, e enorme responsabilidade” de cara á cidadanía. “A democracia non significa votar cada catro anos, senón que debe estar presente todos os días. Os cidadáns deben incorporarse ás políticas públicas para unha maior corresponsabilidade. Trátase de baixar da silla e subir á rúa”, destacou.

“Cando estamos coa xente, ao partido vaille mellor, e cando ao PSOE lle vai mellor, á sociedade vaille mellor”, afirmou o socialista, que propuxo medidas nos gobernos como que os cidadáns “poidan acceder ver en que se gastan orzamentos” ou establecer un “compromiso ético e que os membros do goberno sexan penalizados” por non facer as súas funcións ou a non asistencia a plenos. Tamén se comprometeu a “publicar o patrimonio de cada un ao chegar e ao saír da institución”.

“Temos que construír os instrumentos e sistemas para recuperar a confianza e falar dos nosos problemas: o paro, a caída do Estado Benestar e do tecido empresarial, o desmantelamento dos servizos públicos, o problema demográfico… porque o 90% dos cidadáns viven peor que hai anos, e só o 10% viven mellor. Temos que loitar por ese 90%, porque o PSOE é un partido transformador, de cambio, de progreso e de ilusión”, dixo. O socialista concluíu coa mensaxe de “volver mobilizar”, porque para os socialistas “a xente non son clientes nin números para os mercados”.

“Vimos aquí a dar opinión; eu xa din a miña opinión e din un paso adiante. Convídovos a que disfrutedes deste momento, de dar a vosa opinión, a que trasladedes estas opinións e sobre todo a que demos todos ese paso adiante”, concluíu. “Cando chegue o momento para decidir e para comprometernos, cando chegue ese momento, eu que estou dando un paso adiante hoxe, tamén o vou dar e voume a comprometer, pero quero que todos disfrutemos neste momento, demos opinión, poñamos sentimento, razóns e ideas”, finalizou.

Exit mobile version