Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo alégrase da continuidade da lonxa de San Cibrao e quere que teña continuidade

OS SOCIALISTAS ALÉGRANSE DA CONTINUIDADE DA LONXA DE SAN CIPRIÁN PERO QUEREN GARANTIR O SEU FUNCIONAMENTO POR MOITOS MÁIS ANOS

-Botan de falta a voz de Balseiro, como concelleiro e membro da Xunta de Galicia, pois din que “é o máis indicado para explicar ós veciños o que teñen pensado facer dende a administración autonómica ante este tema”

-Cren que “cando un ben público se privatiza e a decisión non dá os frutos esperados, a responsabilidade debería revertir de novo no poder público co fin de salvar un servizo que se logrou co esforzo de todos”

CERVO, 14 DE DECEMBRO. O futuro da lonxa de San Ciprián é un dos principais temas da axenda destes últimos días, os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo entenden que “sería unha mágoa perder un servizo que leva funcionando 82 anos”.

A última noticia que coñecemos garante o seu funcionamento por un ano en función do mercado, a pesares de ser unha boa nova, os socialistas afirman que “non asegura a súa continuidade no tempo e temen que os veciños e usuarios acaben perdendo un servizo que foi resultado do esforzo e os cartos de todos”.

Dende o PSOE de Cervo engaden que notan moi de falta a voz da administración pública competente, neste caso a Xunta de Galicia, pois, “no momento que se privatiza un ben público é para mellorar, se ó longo do tempo se ve que a decisión non deu os frutos esperados, cremos que antes de perder o servizo, a responsabilidade ten que revertir novamente no poder público”.

Neste senso, os socialistas pregúntanse “onde está o señor José Manuel Balseiro. Como concelleiro e membro da Xunta de Galicia é o máis indicado para explicarlle ós veciños qué teñen pensado facer dende a administración autónomica con respecto a este asunto. A calada por resposta non se pode admitir cando podemos perder unha das ramas importantes da economía cervense”.

Engaden que “entre todos debemos facer o posible para manter a nosa lonxa, que non siga perdendo servizos e que os usuarios, mariñeiros e mariscadores non se vexan na obriga de ter que vender os seus productos nas rulas de Burela, Celeiro ou incluso Cedeira, co gasto que isto lles pode ocasionar. O desplazamento condiciona o prezo e requerirían dun transporte especializado, que moitos non se poderían permitir”.

Os socialistas esperan que “as decisións que se tomen aseguren o futuro da nosa lonxa e que o tempo de continuidade se prolongue moito máis dun ano”.

Exit mobile version