Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo pide que o concello inste á Xunta a que leve a cabo as medidas oportunas para controlar o exceso das facturas eléctricas

O GMS PEDIRÁ Ó PLENO INSTAR A INDUSTRIA A TOMAR AS MEDIDAS OPORTUNAS PARA SOLUCIONAR O EXCESO NAS FACTURAS ELÉCTRICAS

-Os socialistas aseguran que “Cervo é un dos concellos máis perxudicados e dende a Consellería de Industria non se está facendo nada para sanear e compensar as infraccións”

-Esixirán que “a Xunta de Galicia non permita cortes de subministro ata que se resolvan as reclamacións e pediremos o apoio da corporación para a Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico”

CERVO, 1 DE DECEMBRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo presentou na mañá de onte unha moción a través da cal pedirá ó pleno da Corporación que “se inste á Xunta de Galicia a que leve a cabo as medidas oportunas para controlar o exceso das facturas eléctricas e compensar o sobrecusto aplicado a moitos consumidores do noso concello polos erros do sistema”.

A liberalización do sector eléctrico está provocando violacións da normativa vixente e a situación agrávase aínda máis coa substitución dos equipos de medida polos novos modelos dixitais, os socialistas subliñan que “neste marco, o consumidor atópase nunha situación de total desamparo e o noso concello está sendo dos máis perxudicados”.

Son numerosos os problemas cos que se atopan os afectados, din que “se están instalando, por parte dalgunhas compañías, equipos de medida sen ningún control metrolóxico que incumpren a normativa, rexistráronse graves retrasos nos prazos establecidos pola lei para efectuar modificacións nas condicións técnicas, as lecturas estimadas do consumo fan que, en moitos casos, éstas sexan notablemente esaxeradas e as familias vénse obrigadas a facer fronte a gastos desorbitados por medo a que se lles corte o subministro de luz”.

Ante este situación, a Consellería de Industria, administración que debe velar pola eficacia do proceso, “non está a facer nada para evitar estas infraccións. O gran perxudicado é o usuario e a única resposta que se lle dá é clara: primeiro pague e logo reclame”.

Dende o GMS non entenden a forma de actuar do actual Executivo Galego e pedirán no vindeiro pleno “por unha banda, instar á Consellería de Industria a sanear esta situación e a desenvolver diversas medidas compensatorias para todas aquelas familias que se viron afectadas inxustificadamente pola estimación esaxerada das facturas eléctricas e por outro lado, esixirlle á Xunta de Galicia que leve a cabo as xestións oportunas para que as empresas comercializadoras non efectúen os cortes do subministro ata que se resolva o procedemento, obrigándolles a verificar que se cumpren os requisitos obrigatorios antes de ordenar a interrupción eléctrica”.

Engadiron que poñerán tamén enriba da mesa a proposta de “apoiar á Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico, pois está traballando moi duro para informar e axudar en todo o posible ós nosos veciños e a todos os perxudicados”.

Exit mobile version