Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Ribadeo pide unha entrevista coa Consellería de Traballo e Benestar para tratar o tema da residencia

Declaracións do portavoz municipal Eduardo Gutiérrez

PARECE QUE OS RECORTES TAMÉN AFECTAN Á BOA EDUCACIÓN.

Como xa se anunciou publicamente, o noso Grupo como parte integrante da Comisión que reivindica unha Residencia da Terceira Idade para Ribadeo, apoia a iniciativa de levar a cabo unha concentración reivindicativa en Santiago de Compostela nunha data, ainda sen fixar definitivamente, pero que podería ser no mes de febreiro. O argumento principal contense nun estudo moi amplo e concreto que xa se fixo público en varias ocasións e que serviu de base para a convocatoria dunha manifestación que tivo lugar hai uns meses en Ribadeo, cun masivo seguimento por parte dos veciños, que foron os verdadeiros protagonistas daquela xornada.

Pola nosa parte, debemos insistir en que o que se pide, primeiramente, é unha entrevista da Conselleira de Traballo e Benestar, para ter a oportunidade de expoñer a nosa reivindicación e, ao mesmo tempo, coñecer o pronunciamento da Xunta sobre esta materia. A resposta é clara e contundente, aparte dun tanto provocadora, xa que a Conselleira négase a escoitar e a falar. Hai ben poucos días a alcaldía en nome da Comisión, volveu reiterar a petición, obtendo a calada por resposta. E, por iso, cáusannos sorpresa as declaracións do responsable local do PP,asegurando que non se logra nada con manifestacións, xa que o principal é o diálogo. Ocorre que para dialogar son precisas duas partes e hai unha, a Conselleira, que non quere. O que se pretende pola nosa banda é expoñer os nosos argumentos e, tamén, escoitar os proprios da Xunta. Así que non nos veñan con andrómenas. Fixéronse todos os intentos posibles para concretar tal encontro, mesmo coa mediación da Delegada Territorial da Xunta, pero resultaron inútiles. Polo que se vé os recortes son tan desmedidos que afectan tamén ás formas e costumes propios da boa educación, por decilo con máis que excesiva prudencia, porque o que realmente apetece para ser máis precisos son outro tipo de calificativos.

Exit mobile version