Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE denuncia que o PP vén de abrir a porta á privatización de Paradores cunha emenda aos Orzamentos do Estado

O senador Ricardo Varela denuncia que o PP vén de abrir a porta á privatización de Paradores cunha emenda aos Orzamentos do Estado

Os populares aproban un texto que permite que a xestión destas entidades poida realizarse “de forma directa ou indirecta”. O socialista esixirá ao Goberno que explique se con isto “pretende facer desaparecer o carácter singular” dos paradores e “cal é o futuro que quere darlle aos traballadores destas instalacións”

O senador do PSOE Ricardo Varela denuncia que o PP “vén de abrir a porta á privatización de Paradores” mediante unha enmenda na tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado que foi aprobada só cos votos a favor dos populares. A través desta enmenda, o PP introduce un parágrafo na normativa destas entidades que permite que a súa xestión poida realizarse “de forma directa ou indirecta”, e deste xeito modifica a anterior redacción, que garantía a xestión pública das mesmas.

Varela presentará dúas preguntas no Senado ao respecto. Por unha banda, quere saber se con esta medida o Goberno pretende “facer desaparecer a singularidade que caracterizaba a estas instalacións” e que as definía ata agora “non como establecementos de carácter hosteleiro, senón tamén como instrumentos para a recuperación do patrimonio histórico e elementos de dinamización económica, social e cultural dos territorios nos que se instalan”. O socialista cre que “só isto xustifica” que se aprobe “unha medida como a que vén de aprobar o PP”. Por outra banda, Varela quere saber “que destino e que futuro ten pensado darlle o Goberno aos traballadores destas instalacións e cal é o seu futuro”.

O senador anuncia que se reunirá cos traballadores de Paradores para interesarse pola súa situación e que tomará medidas para defender os seus dereitos.

Exit mobile version